Amosando publicacións coa etiqueta Heráldica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Heráldica. Amosar todas as publicacións

21/02/13

Interior de santa María de Silvela (II)

Entre os elementos de interese que figuran no interior, cabe destacar o conxunto de lápidas sepulcrais, algunhas máis nítidas e outras máis desfiguradas polo paso do tempo. Todo un sinal de que a igrexa tivo unha importancia histórica aínda sen estudar. Non cabe dúbida de que era unha honra ser enterrado aquí, como lugar reservado para personaxes ilustres. Estes, como aínda hoxe, gozaban de lugar preferente, neste caso próximo ó centro litúrxico. Se ademáis temos en conta que a igrexa tiña vinculacións co mosterio de Sobrado, a honra de ser enterrado aquí, cobraba especial relevancia para as élites locais.
Entre as lápidas, cabe destacar, non só polo seu estado de conservación, senón tamén polo escudo de armas que nela figura, a que está situada ó lado esquerdo da ábsida. A lápida foi descrita tamén por Varela Arias. Presenta un escudo dividido en catro cuarteis: nos dous superiores figuran as pombas dos Seixas (apelido íntimamente unido á historia de Friol e ó seu lugar máis emblemático, como é a fortaleza de San Paio de Narla), e nos dos cuarteis inferiores figuran as rodas de carro vinculadas ó apelido Camba. Estas rodas, parecen ser cruces patadas inscritas en círculo, emblema vinculado ós Camba, polo que Varela Arias seguramente non estea desacertada. Nós propoñemos unha segunda hipótese (só por especular e abrir novas portas): poderían ser as rodas de Santa Catalina vinculadas ó liñaxe dos Varela?.  Isto decímolo por apuntar unha posibilidade máis, pois se dá a circunstancia de que no retablo maior figura unha imaxe de Santa Catalina co seu emblema tradicional (a roda do seu martirio, aínda que esta sexa de factura diferente: non é cruz patada, é cruz radial). 
Quen está enterrado ou enterrada aí? Non o sabemos. E de momento, non hai ningún estudo que nolo aclare. A inscrición que rodea a lápida é para nós ilexible (e non só para nós, pois tampouco aclara nada a publicación de Varela Arias, única da que temos noticia sobre a igrexa, ademáis da publicación de Jaime Delgado: El románico de Lugo y su provincia, Tomo III, na que nada novo aporta). Se nos le algún ou alguna experta en paleografía e epigrafía, que nolo faga saber, polo interese común de quen segue a nosa historia.

A publicación de Varela Arias tamén fai mención de outra lápida sepulcral no pavimento da nave (metade dereita desde a entrada), na que segundo a autora, de novo figuran as rodas dos Camba. Un novo enigma por resolver entre tantos da historia de Friol (tema pendente entre os grandes "popes" da nosa historia aínda esquecida, e que desde a nosa pequena aportación pretendemos abrir portas).

Seguir lendo...

26/09/11

A Torre de Anafreita, Casa Señorial Do Río e os seus donos.

Baixo a epígrafe que antecede, Higinio Martínez Fernández de la Vega achéganos esta máis que interesante colaboración:
"Ao pé da Cova da Serpe, aproximadamente a un quilómetro de distancia da entrada da mesma cova, houbo en épocas pasadas unha torre ( hoxe en día convertida en casa vivenda) e unha casa señorial. O edificio da casa torre está na parte máis alta do conxunto poboacional, cun desnivel pronunciado cara ao Oeste, que puido ser o foxo natural defensivo da citada torre. Agora é un camiño en pendente e estreito, que dá paso á sinxela casa señorial, chamada Do Río.
Ao lado dos inmobles indicados, pasa o río de Anafreita, que nace na aba do monte Cova da Serpe, de corrente rápida e de auga fresca, limpa e transparente, que moi ben podía ser o rego ao que se refire a lenda cando di que a cobra ía beber a un arroio distante un quilómetro do seu refuxio, e deixaba o rabo dentro da cova.

En canto aos donos das dúas construcións, empezamos pola casa señorial Do Río, que segundo Vázquez Seijas, no seu libro "Fortalezas de Lugo y su provincia", no ano 1731 D. Felipe Rodríguez Meylán foi o mellorado polos seus pais no terzo e no quinto de todos os seus bens, entre eles a mencionada casa. Casou con Dª Luisa Meylán Santiso, sendo herdeiro o seu fillo D. José Rodríguez, que tivo por muller a Dª Josefa de Ponte y Andrade. A casa e os bens pasan, ao pasamento daqueles, a Dª Teresa Santiso y Ponte que casou con D. Manuel María Pardo de Ulloa Ribadeneira, da casa do Vilar, San Xulián de Ourol, Guntín.

A torre e a casa Do Río pasaron a ser do Marqués de San Juan de Carballo, título concedido por Real Despacho de 27 de febreiro de 1766, a D. Antonio Pardo y Sánchez Taibo, natural de San Cibrán de Bribes, con vizcondado previo de San Juan.
Como donos e señores que foron da casa señorial e da torre- seguindo a Vázquez Seijas- aparecen D. Simón Pardo, casado con Dª Inés de la Rigueira, D. Gonzalo Pardo de la Rigueira, que tivo por dona a Dª Inés Pardo de Saavedra, D. Juan Pardo de la Rigueira , que foi o segundo Marqués, que casou con Dª Andrea Pardo. Sucédelle o seu fillo D. Pedro Pardo, que tivo por cónxuxe a Dª Angela de Ponte y Andrade e a estes D. Benito Pardo y Ponte e a súa muller Dª María Dominguez, logo D. Gregorio Pardo Dominguez, natural de Coirós e que morreu na parroquia de Anxeriz, casado con Dª Antonia Fernández. Pasou o señorío e o marquesado a D. Jacinto María Pardo, casado con Dª Benita Villar Sánchez. Segue a liña Dª Gertrudis Pardo Villar, casada con D. Francisco Pardo. O marquesado corresponderíalle ao seu fillo primoxénito D. Celestino Pardo y Pardo , médico e xuíz municipal de Friol, casado en primeiras nupcias con Dª Carmen Saavedra, e en segundas nupcias con Dª Carmen Castiñeiras. É, pois, pai de Dª Angela Pardo Saavedra , avó de Celestino Fernández de la Vega Pardo, e meu bisavó.
A propiedade da casa torre pasou por 'división particional' a Dª Carolina Pardo y Pardo, irmá de D. Celestino, que casou con D. Manuel Morandeira Vigo e logo ao seu fillo D. Celestino Morandeira Pardo, que foi cura párroco de San Mamede de Nodar, de San Pedro de Anafreita e das Negradas, herdando as súas pertenzas a súa sobriña Dª Mercedes Vigo Morandeira.
A propiedade da casa señorial Do Río correspóndelle actualmente a D. Celestino Pardo Castiñeiras, Ilustre xuíz xubilado, e fillo primoxénito do segundo matrimonio de D. Celestino Pardo y Pardo.
Polo que se refire a D. Manuel María Pardo de Ulloa Ribadeneira, oriúndo da Casa Grande de Vilar (tomo I da obra "Pazos y Señoríos de la provincia de Lugo", de Antonio Benito Yebra de Ares), e segundo di o autor, tivo moitos membros de gran sona que foron médicos, letrados, ..., na sociedade lucense, como D. Carlos Pardo Pallín, avogado e secretario do Concello de Lugo, Dª Amparo Pardo Pallín, casada con D. José Benito Pardo Rodríguez, avogado e durante moito tempo Presidente da Deputación de Lugo, e D. Manuel Pardo Pallín, avogado.
Entendemos que as propiedades principais do Marqués de San Juan de Carballo estaban no concello da Laracha, concello limítrofe do de Carballo, capital de Bergantiños, cuxa igrexa principal ten a advocación de San Xoán, e de aí o título de nobreza.
Precisamente D. Celestino Pardo y Pardo naceu en Torás (A Laracha). Porén o seu irmán D. Isauro Celestino María Pardo y Pardo naceu en Anafreita o día 4 de xullo de 1873. Foi notario e Senador, casou en Ourense o día 30 de agosto de 1903 con Dª María de la O Castro e Garcés de Marcilla , marquesa de Leis".
H. M. F.V.
Completa esta entrada outra feita xa hai algún tempo que tocaba lateralmente a temática aquí exposta. A ilustración móstranos a Casa Do Río.

Seguir lendo...

07/05/10

A casa de Guntín. Carballo

Dentro das cousas pendentes que tiñamos enriba da mesa, estaba unha casa cun escudo feituco, situada na propiedade que os Saavedra posúen en Guntín, parroquia do Carballo.
As referencias escritas, da citada vivenda, facíana aparecer como antiga casa cuartel da Garda Civil –ver Lvcensia nº 22 -- o que, sinceramente, tíñanos ben confundidos.
Tiñamos razóns –fontes documentais— que acreditaban que o primeiro cuartel da G. Civil que estas terras tivo foi o que en outubro de 1898 fora aprobado polo Goberno do momento e construído posteriormente na vila de Friol, no que hoxe coñecemos como Cuartel Vello.
Veciños do lugar –nacidos e criados ao pé desa vivenda-- daban outra referencia. Un deles, o propietario da Casa Martiño, indicaba que nunca oíra falar de que alí houbese cuartel ningún. Quiroga, o xuíz de paz e colaborador noso, coetáneo do anterior e nacido no mesmo lugar , infórmanos que a casa era coñecida como a casa do concello; que sempre se coñeceu con ese nome ; sen precisar máis razón que o oído na súa casa.
O xuíz ten boa memoria, e lembra –témolos publicados—contos e sucedidos que lle relataba a súa avoa que pensamos nacería no derradeiro terzo do século XIX. Xa non había concello, pero si permanecería na memoria viva a súa primeira utilización e a edificación timbrada como testemuña.
Cremos que ben puido ser casa do concello. Carballo pertenceu nun primeiro momento da nova división administrativa do novo réxime, ao concello coñecido como Terras da Orde , e moi probablemente, aí fose instalada a casa do concello.
Non sabemos se foi unha edificación aproveitada, ou de nova planta, pero o que si está claro é que para indicar a súa “oficialidade” esculpiron un escudo que non sabemos moi ben qué quere representar cos dous cuarteis con leóns e dous con castelos. Escudo de armas de España ?  Cando menos leóns e castelos están coa posición intercambiada. Iso si, ten coroa e incorpora unha flor de lis e a forma recorda vagamente a pel de touro --empregada ocasionalmente a principios do XIX -- .
Nada máis podemos precisar.

Seguir lendo...

21/11/09

Os Rosón no concello de Friol (2)


Como apuntamos na entrada anterior, o escudo da Casa de Caitano ten trazas neoclásicas: de corte plano e sen excesos decorativos. Trátase dun escudo ovalado con timbre de coroa voada. En campo único figuran as armas dos Arias (un castelo de torre única e catro faixas horizontais na base) e as dos Taboada (once caldeiros en bordura).
Tamén podedes ver o panteón da familia Rosón citado na entrada anterior, de características neogóticas.

Seguir lendo...

Os Rosón no concello de Friol


Xa citamos a casa dos Rosón en Lousende -- A Casa Grande--, na parroquia de San Martiño de Prado e quedábannos pendentes a actual casa de Caitano en Samede de Nodar e a antiga dos Rosón nas Pardellas.
A das Pardellas, no Fondo da Vila, tamén debeu ser nos seus tempos unha casa grande- quizais de non tanta importancia como as outras dúas. Nela houbo e hai unha capela.
A casa emprégase como almacén. Os actuais propietarios construíron unha nova casa ao lado e empregan a vella con esa finalidade.
A capela --non estivemos no seu interior-- segue sendo utilizada para a liturxia, e, segundo os veciños, non é raro que haxa misa ás cinco da tarde con relativa frecuencia.
Da casa de Caitano de Samede, Nodar , hai referencias tanto na obra de Yebra de Ares " Pazos y Señoríos de la provincia de Lugo" como nos diferentes estudos realizados por X. M. Abel Expósito.
Esta vivenda , en pleno uso na actualidade, ten planta cuadrangular , lousada a catro augas. A súa fachada principal aparece brasonada cun escudo de corte neoclásico no que aparecen cando menos as armas dos Taboada.
No adro da igrexa parroquial, a escasos metros da casa, está o panteón familiar destes Rosón afincados en Friol.

Seguir lendo...

20/06/09

Heráldica no Pazo da Fraga.

De factura neoclásica e timbrado con casco mirando á dereita. Está feito sobre placas pétreas planas que parten desde a cornixa en lixeiro avance. Está dividido en dous campos: o primeiro ten a cruz dos Rivadeneira, dúas espadas en alto, sete flores de lis e unha roda no centro, símbolos da Inquisición mesturados cos do Hospital Real de Santiago e cos da liñaxe dos Varela. O campo inferior ten catro torres separadas por árbores unidas polas copas, alusivos ós Fraga.
O escudo enteiro está delimitado por unha orla decorativa que na parte inferior remata cos medallóns, rodas de Santa Catalina, e lises dos Varela.

Seguir lendo...

15/04/09

Torre de Nodar

En Nodar existiu unha casa torre que aínda conserva trazas medievais. É un edificio de grandes dimensións que sufriu diversas transformacións. Hoxe xa non ten función de vivenda, pois os seus donos construíron unha casa de nova planta e empregan esta para almacén e usos diversos.
Chamounos a atención que na aldea xa non queda memoria da existencia da antiga casa-torre, e mostráronse sorprendidos cando preguntamos por ela. Sobre o lintel dunha ventá que dá ó camiño, consérvase un escudo moi desgastado no que nós non conseguimos apreciar ningunha traza. Xosé Manuel Abel Expósito (Mostras heráldicas do concello de Friol, en Lvcensia, 22, pp. 97-110, 2001) ofrece un debuxo do mesmo que reproducimos na fotografía. Segundo Expósito, no escudo figuran "a árbore dos Piñeiro e o castelo dos Arias que, en xuntanza coas dos Prado e Sirgal, utilizou a casa de Friol". Tamén nos chamou a atención a inscrición dunha cruz de brazos iguais inserta nun círculo, situada sobre un lintel na porta.

Seguir lendo...

15/12/08

Heráldica en San Paio de Narla


Sobre a porta de entrada vemos un escudo con coroa marquesal soportado por dous leóns rampantes. Estes aparecen sempre de perfil, erguidos sobre as patas traseiras, coa pata destra apoiada sobre o escudo, coa boca aberta e a lingua fóra, e coa cola levantada co borlón cara adentro. Ten catro cuarteis en cruz nos que se reproducen os blasóns de outras liñaxes que emparentaron cos Seixas. No cantón destro do xefe figuran os Tovar (dous castelos), no cantón sinistro do xefe os Seixas (catro pombas), no cantón destro da punta os Sarmiento (ramo), e no cantón sinistro da punta os Ordóñez (nove roeis).
Un segundo escudo situado sobre unha ventá alta, reproduce en sotuer (aspa) as cinco pombas dos Seixas.

Seguir lendo...

03/12/08

Casa Torre da Devesa

Foron numerosas as casas-torre ou casas fortes que se levantaron por todo Friol: torre de Anafreita, torre de Bustelo (San Martiño de Condes), torre da Devesa, torre de Nodar (Samede), torre de Prado (San Martiño de Prado) ou Rocha de Narla (San Cosmede da Rocha). As súas orixes remóntanse á Baixa Idade Media. No fondo eran vivendas acomodadas que contaban con torres de pedra destinadas a diversas funcións. Moitas veces funcionaban como centros administrativos ou xudiciais, ou ben controlaban as vías de comunicación. Estas casas fortes consolidáronse ó longo do S.XV, e sempre vinculadas á nobreza local.
Polo xeral, a función básica das torres era de vivenda, tiñan varios pisos sen abovedar e, en torno a elas, construíanse dependencias subsidiarias de diferentes usos (almacéns, vivendas de criados, cortes...). As veces rodeábanse de cercas ou aproveitábanse foxos naturais (como o caso de Anafreita), dándolle un aspecto de pequena fortaleza.
Algunhas delas foron destruídas durante as revoltas irmandiñas, como foi o caso da torre de Bustelo ou da Rocha de Narla.
A que vemos na foto é a casa torre da Devesa, en Sisto, sen dúbida moi transformada polo paso do tempo. Con todo é un valioso exemplo de arquitectura civil renacentista. As trazas renacentistas son claramente visibles no arco de medio punto doelado da porta de entrada, ou no escudo. Este está timbrado con coroa, e inclúe as armas dos Varela (tres lises e a roda de Santa Catalina), dos Parga (cinco barras horizontais), dos Ulloa (cuartel axedrezado) e dos Prado (árbore e fouce).

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.