A Casa Grande de Lousende mantén a estrutura característica das construcións destas terras, cunha planta rectangular, sen engadidos, feita en cantaría , con poucos vans e coa cuberta a catro augas. Chama a atención a galería , da que supoñemos sería un engadido posterior á construción da mesma. Os actuais propietarios están pendentes de reparar o lousado.
Desta casa xa se ten constancia a principios do s.XVIII, cando menos, pois xa D. Gregorio López de Lamas, familiar do Santo Oficio, morreu na mesma no ano 1726.
O seu fillo Bartolome, herdou a casa e o cargo, e foi o que edificou unha pequena capela ao pé da vivenda dedicada ao S. Xoán Bautista.
Máis adiante, a principios do s.XIX, pasa a mans dos Rosón ( familia coas orixes na parroquia de S. Xoán da Agüeira- Becerreá) que por vía matrimonial inician a presenza desta familia en Friol.
Na actualidade, a capela foi demolida por deterioro e risco de derrubamento, pero ata hai pouco mesmo se misaba nela e había imaxes – supoñemos cando menos cunha delas sería o S. Xoán citado-.
Por razóns das que falaremos nunha próxima entrada, supoñemos que as imaxes permanecen na propiedade.
Estes Rosón foron tamén propietarios do Pazo de Nodar e doutra casa grande sita nas Pardellas.
Contan que a última dona desta familia , Dona Elena, andaba detrás dos seus caseiros para ver como facían o traballo e mesmo indicándolles como tiñan que facer. Mesmo "cando ían sacar as patacas ía ela detrás dos caseiros para vixiar. Sei que lles levaba un terzo do que colleitaban. Eran outros tempos. Canta miseria!" dinos un veciño falando do asunto.
0 comments:
Publicar un comentario