09/12/08

Fortaleza de San Paio de Narla

A fortaleza de San Paio de Narla é unha referencia obrigada na historia de Friol e fonte de inspiración das lendas máis difundidas. Levantouse sobre un macizo rochoso, a Castronela, primitivo asentamento da Idade de Ferro, na parroquia de Xiá. As primeiras noticias documentais sobre a fortaleza son do S.XIV, se ben é moi probable que a primitiva fortaleza se remonte ós séculos XII-XIII. No século XV foi destruída polas revoltas irmandiñas, e no S.XVI sería reconstruída por Vasco das Seixas, protagonista de lendas que nos falan da súa maldade e do terror que inspiraba (e das que xa falaremos). A liñaxe dos Seixas é unha das máis antigas de Galicia, e mantivo numerosas disputas polo control do territorio cos Ulloa.
O edificio está construído con grosos muros de cantaría regular e de boa calidade, nos que aínda son visibles os signos lapidarios. Nalgúns puntos o muro chega a acadar os tres metros de espesor. Segundo Vázquez Seijas (Fortalezas de Lugo y su provincia) Vasco das Seixas empregou canteiros biscaíños, o que era habitual neste tipo de construcións. Non obstante, hai autores que din que os canteiros biscaíños chegaron a Galicia moi excepcionalmente. Consta de tres corpos e unha capela exterior do S.XVIII. Dende a entrada vemos en torno ó corpo central a torre da homenaxe, á esquerda (na foto, vista posterior), e á dereita un torreón. A torre da homenaxe ten catro plantas, cada unha delas cunha estancia única, e remata en ameas. Como toda fortaleza o aspecto é austero, case sen vans e cunha porta de acceso única. Sobre os detalles da fortaleza falaremos en futuras entradas.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.