Ponte romana de Lugo a principios do s XX |
28 novembro 2023
Viva Friol !
15 novembro 2023
Os espigueiros: Historias de San Miguel
Andabamos detrás desta publicación dende hai tempo; por fin chegou as nosas mans.
Seguimos dende hai moito o blog Os espigueiros (1) que temos ligado na nosa páxina que recolle historias do pasado da parroquia barreirense de S. Miguel de Reinante.
De sempre estivemos interesados nesta parroquia da xeografía mariñá, pois aí foi onde tivemos o noso primeiro contacto ( e que contacto!) co ensino público; con grandes compañeiros e compañeiras e mellor alumnado, se cabe. Aí aprendemos moito, ou se acaso, aí aprendemos a aprender todo o que nos faltaba para chegarmos a ser mestres. Din que aprendiz de moito mestre de nada... Aí andamos.
O caso é que desde ese blog implicouse á veciñanza nun proxecto de recuperación da memoria posta en valor da mesma e dinamización da vida local. Soa próximo.
Deste xeito foi como aos poucos xuntaron material de abondo que acabou sendo publicado en papel este ano.
Éxito da veciñanza, éxito dos promotores da iniciativa, éxito da investigación levada a cabo polo equipo.
Recóllense historias que van desde as orixes ata un estudo pormenorizado da toponimia parroquial; desde os mercados aos pazos; das esfollas ao reparto dos montes comunais; non podía faltar tampouco a emigración a Cuba, as sociedades de agricultores, as escolas, ...
Un bo exemplo a seguir.
As fotografías
1 Portada e contraportada do libro
2 Praza do Souto
3 Cartel do XXXIX Festival
(1) Lembrar que espigueiros eran os antigos veciños e veciñas que recollían espigas para vender e comprar para comer.
19 outubro 2023
Tradición e Tics, sóavos?
Presentación en xullo de 2021 |
En concreto, e baixo o suxestivo título "Un GPS para guiarse por la tradición popular de Friol: del primer vino de las mujeres a cómo se «parlafeaba»" desenvólvese a noticia que informa dunha nova ferramenta para o móbil que vai permitir paseos pola vila friolesa acompañados pola voz de varias veciñas que participaron no proxecto creado polo servizo Aula de las Artes da Universidade Carlos III de Madrid, co apoio da Fundación Obra Social La Caixa. ( ver ligazón) Está impulsado pola cooperativa Indaga e para aplicalo en Lugo tivo o apoio da Rede Museística provincial.
Cartel anunciando actividade |
Hoxe está ao noso dispor na app "Arquitecturas de la memoria"; esta aplicación descárgase de Play store, e unha vez instalada no móbil actívase automaticamente ao chegar a capitalidade friolesa.
Logo da App |
Recollendo información |
Só queda agradecer a Ana Castro Rodríguez o ter completada a información e a achega das imaxes que ilustran esta entrada.
11 outubro 2023
Toponimízate!
04 outubro 2023
De Friol á Patagonia
Aparte do aventureira e epopeica da viaxe, que unha rapaza con orixes en Muíños, Ourense, chegue á Patagonia ten o seu aquel entre o romántico e novidoso. Certo que hoxe no mundo global no que nos desenvolvemos non deixa de ser algo habitual, andar dun punto ao outro do planeta por mor de estudos, investigacións ou traballo.
O conto vén acó, porque hai pouco caeu nas nosas mans o traballo de Luísa Cuesta: La emigración gallega a América.
De Luísa Cuesta dicir que foi a derradeira directora republicana da Biblioteca Nacional e que na súa estadía en Santiago, esta valisoletana, foi colaboradora do Seminario de Estudos Galegos , institución que celebra este ano o seu centenario e aproveita a ocasión para visibilizar a presenza e o traballo das mulleres que pertenceron ao SEG ou,como foi o caso, colaboraron con el.
Pois ben, Luisa Cuesta Gutiérrez, no seu traballo de investigación achéganos un estudo pormenorizado do interese das autoridades a fins do século XVIII por poboar a Patagonia arxentina, poboamento no que maioritariamente participan familias galegas que partían do porto da Coruña e que mesmo levaban arados do país para o seu asentamento naquelas afastadas terras. (ver ligazón) Corría o ano 1788.
Temos xa a razón do argumentario que nos trae ata aquí.
Curiosamente, estes días no muro de facebook "Parladoiro de Friol" colgaron unha fotografía de antigos emigrantes frioleses que no 1912 emigraron á Patagonia arxentina.
Descendentes destes emigrantes viven na actualidade en Cipollete, provincia de Río Negro, situada no norte da citada Patagonia.
Non sabemos se acudiran á chamada de anteriores emigrantes frioleses xa asentados alá ou foron, ben a principios do XX, por iniciativa propia, iniciar unha singradura lonxe da súa terra.
O que si sabemos é que os seus descendentes seguen amando esta terriña que viu nacer os seus antepasados e non só a terra senón tamén a súa cultura e a súa lingua.
Como non temos dereitos para publicar as fotos das que falamos (quedan pendente os permisos) ilustramos a entrada cunha fotografía do coñecido como O galego Soto líder que foi das primeiras folgas rurais na Patagonia arxentina.
Tamén deixamos estoutro enlace cun interesante artigo de Freixanes falando doutros galegos na terra dos patagóns .
Posteriormente á elaboración desta entrada Montse Castro Rodríguez fai a seguinte achega que completa este texto:
"A colación de todo isto, en Chile hai unha rexión cara ao sur, antes de chegar á rexión Austral na que están as Torres de Paine, está unha rexión que se chama Chiloè (nome que os aborixes deron a estas terras pero que tamén foi coñecida co nome de Nova Galicia...
Dende o punto de vista da paisaxe, é moi similar a Galicia. Parece ser que en toda esa zona hai tradición de emigración europea e ese apelativo pode estar relacionada coa presenza galega alí (hipótese)
En todas esas terras austrais non é demasiado difícil encontrar xente de orixe española e en concreto galega polo que me comentaron por alí.
Nesa zona a mobilidade entre
Arxentina e Chile polo sur é "relativamente" doada".
26 setembro 2023
Segadores da Órrea
21 setembro 2023
De fotos , memorias e desleixos

10 agosto 2023
Os premios de investigación histórica, cultural e etnográfica
![]() |
Desde os seus inicios seguimos estas convocatorias, aledándonos do interese e alta participación que xeraron os citados premios promovidos pola Asociacíón Carballo Vivo e a colaboración da USC e o Concello de Friol.
Nestes "séculos escuros" nos que estivo este blog estes anos atrás houbo novas convocatorias e mesmo editáronse en papel os citados premios en dous volumes.
Neles recóllense os traballos premiados.
Lembramos no I Premio foron:
A arquitectura renacentista de índole civil e relixiosa en Friol de Cristina Barreiro Abuín
Toponimia do Concello de Friol de Laura Ferro Devesa e Estefanía Pena Ferro
Na II convocatoria os traballos premiados foron:
As mámoas e os petróglifos do concello de Friol de Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure Salgado
Friol prehistórico. Un estudo dos petróglifos, túmulos e castros do concello de Friol de Ana Fariñas Rodríguez
Estes catro traballos de investigación aparecen no volume I.
No segundo volume quedan recollidos os gañadores da III edición que foron
Friol como paradigma de estudo do románico rural galego de Alberta Lorenzo Aspres
Catalogación etnográfica do patrimonio hidráulico de Friol. Os muíños de Cristina Abuín Barreiro e María del Carmen Prado Penas
Para facilitar o acceso aos citados traballos deixamos aquí os enlaces correspondentes e colocaremos en lugar preferente deste caderno dixital o acceso permanente aos mesmos .
Só queda agardar novas convocatorias para promover traballos que profundicen e poñan en valor o pasado friolés.
09 agosto 2023
O que agochan os nomes das casas: un mundo ( II )
Velaí vai:
"No lugar de Gonce, parroquia de Vilafiz, encóntrase a casa da Pena. O último dono que viviu nela foi Don Manuel Bóveda Ulloa. ( falamos dunhas súas irmás nestoutra entrada )
Don Manuel era mestre e puxo escola na súa propia casa. Chegou a ter moitos nenos que viñan doutros lugares de arredor e tamén xente que xa era maior e que querían aprender a ler e a escribir.
No lintel da entrada hai unha inscrición coa data 1474 (case con seguridade o ano en que foi construída); ten unha aira cercada cun muro de máis de 4 metros de altura; a aira comunica co balcón mediante unha pasarela.
08 agosto 2023
O que agochan os nomes das casas: un mundo
02 agosto 2023
Mulleres do Narla de onte a hoxe
A procura de datos, certamente, iniciárono estas titiriteiras e é a partir do recollido por elas do que se nutre esta entrada, con algún apuntamento engadido.
Tiñamos nos arquivos unha noticia publicada na desaparecida "Hoja del lunes" editada pola Asociación da prensa de Lugo, concretamente a do día 2 de decembro de 1963 que falaba da única muller na provincia luguesa presente nunha corporación municipal, tratábase dunha friolesa da que xa falamos por outras lerias aquí, pero que hoxe aparece no primeiro lugar da longa lista de Mulleres do Narla: trátase de Maruja Bóveda Ulloa, mestra que era da escola de nenas por aqueles negros tempiños e que nalgún momento chegou a exercer a dirección do colexio creado anos máis tarde.
Hoja del lunes 3-XII-1963 |
Aproveitamos a ocasión tamén para citar unha súa irmá, Amparo que dedicou a súa vida á docencia sendo doutora en psicoloxía educativa pola Universidade de Washington e que publicou unha chea de traballos e traducións.
Pero ao que iamos, descubrimos estes días pasados a presenza de mulleres pioneiras nunha sociedade pechada como podía ser calquera vila ou concello galego dos anos sesenta.
Outra pioneira que queremos mencionar é a Esther de Reción. Tamén sobre o mesmo ano , sen poder precisar, deciciu mercar en Almacenes San Marcos, na capital, uns pantalóns e converterse así na primeira muller friolesa en engadir a citada prenda ao seu vestiario.
Curiosamente no ano 1970 , dúas deputadas francesas, Denisse Cacheux, e Michèle Alliot-Marie presentáronse na Asemblea en París e os conxerxes prohibíronlle o paso, provocando que esta última indicase que se o problema eran os pantalóns , que os sacaban... deixáronas pasar.
Poderíamos seguir citando moitas outras que co seu labor profesional en San Paio: Paquita da Torre; coa súa sabedoría popular: Carmiña da Torre; coa súa afouteza: Concha de Bértolo... foron e van abrindo camiño a futuras xeracións.
Nomes da historia pequena que axudaron co seu día a día a chegar ata onde estamos,
Notas: non sabemos se a Evanxelina estará nesta fotografía achegada por Carmiña do Grande
A fotografía de Esther de Reción é do Roteiro da memoria
30 xullo 2023
As festas de Santa Isabel (II)
24 xullo 2023
Dúas feiticeiras
Despois dos diferentes encontros organizados por Raquel Queizás e Alba Grandes ao longo da semana coa veciñanza do concello, argallaron un percorrido pola localidade que nos permitiu viaxar no tempo cuns chimpos ben artellados que tiveron como colofón unha espectacular actuación de Jesús Fagil e un non menos entretido baile diante da casa Peruchelas lembrando filloas, callos e chipiróns... prrtéritos de moita sona na contorna.
Quedan moitas cousas no tinteiro, que seguramente publicarán na páxina do proxecto.
Desde estas páxinas só queda reflectir a satisfacción de ter participado nesta emotiva andada.
Xa para rematar a modo de reflexión dúas cousiñas.
Unha: no traxecto, algunha persoa de idade comentaba que era unha mágoa que tivese que vir xente de fóra a sacudir as alfombras da memoria. Sería bo pensar en organizar obradoiros máis ou menos lúdicos para intercambiar lembranzas das que tirar proveito. Non cremos sexa moi complicado. Modelos de actuación hai e houbo, mesmo tempo atrás, no propio concello.
Dúas: xa sabemos que non era o obxecto desta xira, pero non estaría mal desempoar tamén pasaxes (do que xa temos escrito, e moito, neste blog ) da Memoria Histórica local. Hai materia, sábemolo porque non está todo publicado. Sería unha homenaxe merecida a aqueles que coa súa vida, co seu silencio, co cárcere ou co seu exilio axudaron a construír unha sociedade democrática que necesita de pílulas recordatorias para evitar caer nos mesmos erros do pasado.
Hai futuro!
Neste enlace tedes un monte de fotografías e un relato máis polo miúdo do roteiro
Nota: A segunda fotografía está recollida do muro de facebook de Merce Freire
18 xullo 2023
Abalando a abeleira
Retomamos puntualmente a actividade do blog para dar conta da Xira galega de contadoras de historias que baixo a epígrafe "Cóntame un mundo" percorren diferentes concellos de Galicia recuperando historias e tradicións, poñendo en valor a trasmisión oral e facendo partícipe a toda a veciñanza (do concello correspondente) na procura, achega e exposición deste traballo colectivo que tenta pór en valor o noso patrimonio inmaterial.
Somos o que nos contan e o que contamos, non hai outra!. E con esta premisa achéganse esta semana a Friol, Raquel Queizás e Alba Grande
Contadoras, titiriteiras, monicrequeiras, cantareiras, teatreiras... fannos lembrar estas dúas mulleres aquela cantiga popular:
Coa súa arte e paixón polo seu traballo seguro conseguen o obxectivo de abalar as abeleiras para así entrelazar historias e poder facer un bo Roteiro da memoria pola vila friolesa.
Esperamos que a actividade sexa capaz de convocar a veciñanza como xa fixeron noutros concellos galegos estas últimas semanas. Polo interese das que argallan esta Xira seguro que si.
Xa andaron procurando información, removendo arquivos e desempoando memorias, previamente a súa chegada ao concello friolés. Só lles quedan as xuntanzas que seguen un calendario por elas establecido e, como dicimos, remata con ese roteiro que no caso de Friol, desenvolverase este próximo sábado día 22.
Sorte!
E desexar que o próximo vinte e catro sigamos no vinte e tres!.
09 xaneiro 2020
Madialeva (II)
O sábado pasado presentouse en Miraz, como xa dixemos, e con gran afluencia de público, a novela gráfica Madialeva de Ana Moreiras.
26 decembro 2019
Madialeva
Un bo xeito de comezar o ano e, un bo xeito de desexarvos unhas boas festas é animarvos a acompañar á Ana Moreiras no acto de presentación
30 maio 2019
As mulleres do Narla en Friol
Esperámosvos