O século XIX marcado polos continuos vaivéns que o zarandearon, entre golpes de estado, pronunciamentos, constitucións de distinto signo, alternancia entre liberais e conservadores, diferentes tipos de sufraxio, continuas modificacións electorais... ao tempo vai aos poucos deixando atrás o sistema xurisdicional do Antigo Réxime e impoñendo un sistema liberal, cunha clara aposta pola división "formal" dos poderes, non sen os consabidos contratempos e reticencias por parte dos sectores máis conservadores da sociedade decimonónica hispana.
Friol non queda á marxe destas continuas novidades, avances e retrocesos apoiados sempre no vento que soprase de Madrid a través dos delegados ou xefes gubernativos que ocupasen o sillón, en cada momento, na capital provincial.
Na primeira metade do século coa creación no 1833 das provincias, posteriormente a creación dos partidos xudiciais (1834), logo no 1837 coa supresión das xurisdicións e por último a conseguinte creación duns novos concellos e eliminación das funcións xudiciais das que gozaban con anterioridade os vellos alcaldes impostos pola monarquía (1840), póñense os alicerces para construír a rede municipal que interesaba ao sistema.
Neste contexto polo que atingue a Friol, suprímense os vellos concellos que conformaban estas terras ( Terra da Orde, San Paio de Narla, Friol , S Pedro de Narla e Torredez) que quedaron unificados no concello friolés, o actual poucas variacións sufriu.
No 1845 xa o concello está conformado polas trinta e dúas parroquias que coñecemos a día de hoxe
A relación de alcaldes que ocuparon a presidencia das primeiras corporacións constitucionais iniciámola no bienio 1844-45.
De antes non fomos quen de atopar datos, ao igual que hai algún ano do que carecemos de datos documentais que acrediten a presenza dun determinado alcalde.
Lembremos que o 6 de agosto de 1874 o pobo amotinouse cando se estaba realizando o sorteo da quinta extraordinaria ( mozos para iren ao exército) e queimou os arquivos municipais co que se perdeu unha grande parte dunha boa fonte de información (ver entradas sobre o carlismo)
A lista de alcaldes do século XIX é a seguinte
Notas:
Indicar que se observa como hai anos que se solapan os alcaldes e mesmo algún ano como hai un continuo baile de sillóns : as denuncias interpostas polos que perden as eleccións xeran suspensións cautelares que son aproveitadas polos adversarios para ocupar a alcaldía.
Nalgún caso podemos deducir que algún dos ocos pode estar ocupado por algún mandatario ( caso de 1860 por exemplo) que xa estaba e seguiu estando os anos anteriores ou posteriores. Deixamos o ano en branco porque non demos con ningún documento asinado que nos dese pé a ter esa seguridade.
Do único alcalde que non demos coa parroquia con seguridade é o do bienio 1865, 66 José García
0 comments:
Publicar un comentario