02/03/24

Cristina Barreiro Abuín, nova doutora

Onte na Facultade de Humanidades, Campus Terra de Lugo, tivo lugar a defensa da tese doutoral  "La huella renacentista en las edificaciones del obispado de Lugo. Autores y obras" por parte de Cristina Barreiro Abuín.

Esta tese na que a autora leva investigando unha década toca de cheo algúns dos edificios emblemáticos do concello friolés. Desde a Torre de S Paio ata a igrexa de Guimarei o civil e o relixioso entrecrúzanse neste extenso traballo.

Como petisco xa leramos o traballo gañador do primeiro premio de investigación de Friol: "A arquitectura renacentista de índole civil e relixiosa en Friol. Posta en valor e dignificación" que alborexaba os inicios do que posteriormente foi este traballo de investigación.

Desde este caderno dixital só quedar felicitar á nova doutora e desexar que canto antes poidamos fincarlle o dente na segura publicación desta tese que sen dúbida ha ser referente para estudos que se poidan desenvolver nun futuro.

Parabéns Cristina!   

Notas

As ilustracións están collidas do muro de facebook de Jesús Rodríguez Rodríguez 

Por outra parte felicitar tanto a J. Antonio Barreiro ( o noso compañeiro de fatigas adolescentes) e Paquita Abuín ( compañeira de múltiples aventuras creativas) como pais da nova doutora.

1 comments:

Cristina

A vida é un constante cúmulo de situacións ben fermosas e emotivas.Hoxe quedo marabillada desta sorpresa que me brinda a vida,que me enorgullece enormemente ao valorar o meu traballo e mencionar aos meus pais,que son un referente e un orgullo para min.Gústame velo cariño co que falades deles e a fermosa filiación da vosa mocidade,na que abofé compartiríades hilarantes e divertidas vivencias.Endexamais poderei esquencer cando albiscaba o voso traballo e quedaba abraiada de cánto lía,que esta experiencia ía culminar así.Coa tese rematada e con todo o voso cariño e afecto agasallándome e emocionándome tan intensamente.Nunca cavilei que tería a gran honra de figurar aquí.Neste mundo tan apaixoante da vida patrimonial de Friol no que eu,grazas a vós,puiden afondar.Eternamente agradecida a vós e a Suso Rodríguez pola achega da foto,mil graciñas! Un bico e unha enorme e garimeira aperta.De ❤️,graciñas!!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.