Amosando publicacións coa etiqueta Seoane. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seoane. Amosar todas as publicacións

04/12/11

D. Vicente Devesa Jul (e V)

Nesta última entrada dedicada a Devesa Jul, faremos mención aos seus traballos publicados:
Xa comentamos os que publicou na revista da APLA " O Cortizo", a publicación do "Cancioneiro Galego" e a colaboración en "El Progreso" na que recrea a lenda da cova da Serpe.
Sabemos do seu traballo "La Alimentación humana y la nutrición, importancia de una dieta equilibrada" que foi editado pola Delegación Provincial do Ministerio de Cultura no ano 1980.
Por último facer referencia a un seu traballo baixo a epígrafe "La enseñanza y el agro"no que defende a necesaria participación da Escola na consecución dunha mellor capacitación profesional para poder desenvolver o agro galego, idea que proxectan os cursos agropecuarios e da necesidade dos hortos na escola para que que sirvan de inicio da citada capacitación. Este traballo foi publicado en cinco entregas dende o domingo 31 de outubro de 1965 ata o domingo 28 de novembro dese ano, no diario "El Progreso".
Ese mesmo ano foille concedida a Cruz ao Mérito Agrícola polo Ministerio de Agricultura.
Agradecemos a colaboración de Asunción Fernández Puentes (directora na actualidade do Colexio Fingoi e continuadora, a partir do 1984, do labor relacionado co horto escolar iniciado por Devesa) que nos facilitou abonda información tanto documental como gráfica sobre este mestre.
Grazas tamén a Higinio M.F. de la Vega, antigo alumno de D. Vicente alá polos anos corenta cando este deu clase na vila friolesa.
A fotografía que acompaña esta entrada correspóndese cunha das sesións dos cursos agropecuarios realizada en Trasmonte, nela podemos distinguir a D. Francisco Mouronte de quen temos pendente unha futura entrada.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul (IV)

D. Vicente Devesa foi tamén un home interesado pola etnografía e máis concretamente pola recuperación da mesma e a súa utilización na escola.
No ano 1967 publica no diario "El Progreso" unha interesante versión da coñecida Cova da Serpe que podemos ler nestoutra entrada do blog.
No 1972 publica un "Cancioneiro Galego" no que recolle corenta e dúas cantigas populares ( dende foliadas a panxoliñas ) recollidas, segundo el mesmo indica no prólogo da publicación, "no meio rural da provincia de Lugo, a través dos nenos da escola, polos mestres de primeiro insino que asistiron aos cursillos agropecuarios". Esta publicación do Centro de Estudos Fingoi era a continuación da publicación dirixida por D. Ricardo Carballo Calero "Contos populares da provincia de Lugo" publicada no ano 1963.
O seu interese pola súa terra natal déixase notar na celebración en terras friolesas de innumerables sesións dos cursos de formación agropecuaria nos anos sesenta. Sesións que tiñan o seu complemento ideal nas visitas organizadas á Torre de San Paio, daquela esquecida das administracións, pero aproveitada para visitas culturais nas que, ás veces, o noso colaborador Higinio M. F. de la Vega servía de cicerone.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul (III)

Diciamos nunha entrada anterior que no ano 1948 comezaron a celebrarse en Lugo uns cursos formativos organizados pola Inspección Educativa e auspiciados por D. Antonio Fernández.
Este home ( fillo de Antón de Marcos) funda ese ano a Escola Primaria de Capacitación Agraria de Barreiros ( hoxe Granxa de Barreiros) baixo a dirección de D. Avelino Pousa Antelo.
No ano 1950, coa intención de desenvolver o ideario da Institución Libre de Enseñanza, funda tamén na cidade das murallas o Colexio Fingoi --segundo colexio mixto creado na España franquista--coa idea inicial de capacitar ao alumnado para a vida "polo que é preciso atender a todos os aspectos da súa personalidade, que se atopan intimamente enlazados" recollen os Estatutos de Fundación do Centro.
Non sabemos a data con exactitude, pero a este proxecto incorpórase D. Vicente nos primeiros anos da súa andaina. Algunha das fillas máis novas de D. Antonio lembran as súas primeiras experiencias escolares da man de D. Vicente ( "tratábanos coma se fosemos fillas súas" lembran Tona e Asunción Fernández Puentes). Hai que indicar que nestes anos o Centro Fingoi funcionaba como Padroado ao que a Delegación de Educación achegaba unha serie de mestres, entre os que se atopaba D. Vicente.
Non tardou moito en asumir a Dirección Escolar de Primaria no colexio e co paso dos anos --desaparecidos o Cursos de Capacitación dos que antes falabamos-- a fins dos setenta impulsa a creación da Escola de Verán-- cursos estivais vencellados á Nova Pedagoxía e ventá aberta para os novos aires democráticos na escola). De feito chegou a ser o Presidente desta Escola de Verán".
É neste centro onde crea un Horto Escolar --aínda hoxe en funcionamento-- que utiliza non só para a docencia co seu alumnado, senón tamén para os mestres que se forman primeiro nos cursos de Capacitación Agropecuaria e despois na Escola de Verán. No mesmo instala unha estación de seguemento meteorolóxico na que seguen a evolución do tempo as xeracións de lugueses que pasaron polas súas aulas.
As fotografías son do Colexio Fingoi, o Horto Escolar e a terceira da Escola de Verán do ano 1985, na que aparte de D. Vicente hai máis mestres coñecidos.

Seguir lendo...

03/12/11

D. Vicente Devesa Jul (II)

Xa nos primeiros anos como mestre participa nos Cursillos de Formación Agropecuaria para Maestros Rurales que organizaba a Inspección de Primeiro Ensino de Lugo, e que estaban auspiciados por D. Antonio Fernández.
Neste cursos ten o primeiro contacto co mundo da apicultura. Inicialmente da man de D. Benigno Ledo-1867-1950- ( coñecido como O Cura das Abellas, chantadino que introduciu a colmeas Layens na península, e verdadeiro experto en apicultura), e do seu sucesor D. Isaac Correa Calderón ( da familia dos Correa de Neira de Xusá), do que D. Vicente chegou a ser axudante no ano 1956, para posteriormente asumir a responsabilidade formativa dos asistentes no relacionado coa apicultura a partir do 1960 ata o1971 ano no que deixaron de realizarse.
O mundo das abellas foi, desde logo, a súa segunda paixón. No ano 1983 entra na Asociación Provincial Luguesa de Apicultores (APLA), "participando na xunta directiva, primeiro como secretario e posteriormente como presidente ata o seu falecemento" sendo fundador do Boletín O Cortizo, de onde sacamos este parágrafo. (O Cortizo, nº 24. 2001) e no que publicou interesantes artigos, non só sobre o mundo das abellas senón tamén sobre outros temas dos que era un gran afeccionado como o caso da meteoroloxía, por poñer un exemplo.
Baixo o seu mandato a asociación asinou unha serie de convenios de colaboración coa Deputación de Lugo que serviron , entre outros logros, para a creación do Apiario-Escola de Teixeiro.

Seguir lendo...

D. Vicente Devesa Jul ( I )

D. Vicente Devesa Jul, o segundo de cinco irmáns, naceu o 9 de xullo de 1920, no lugar de Tralacorda da parroquia de Seoane da Pregación --Friol-- onde fora casar a súa nai, Elvira, natural de San Román da Retorta --Guntín- co seu pai Ramón).
Xa de neno marcha para Lugo para facer o bacharelato, vivindo cuns seus familiares, no barrio de Magoi, segundo el indica nunha colaboración que fai no libro "La sublevación militar de 1936 en Lugo" de A. Santos Alfonso.
O bacharelato estudarao no que era "O Instituto", naqueles tempos situado na rúa San Marcos , nunha parte do que é hoxe o Pazo da Deputación Provincial. Posteriormente realiza os cursos de Maxisterio, obtendo a praza de mestre na oposición convocada no ano 1944.
Neses primeiros tempos como mestre, dá escola na vila friolesa (nos baixos da Casa Consistorial), para despois ter que desprazarse a terras fonsagradinas, cinco cursos, nas que coincidiu cun sacerdote, D. José Penelas da Casa de Santalla das Pardellas, Condes, tamén de Friol, co que compartía cabalgadura por aquelas frías e mal comunicadas terras.
Aquí comeza a andaina educativa dun home que levaba no seu ADN a paixón polo ensino. Un auténtico mestre que dedicou toda a súa vida ao labor pedagóxico, co agarimo, coa ilusión e a inquietude que se lle supón a un bo educador, e D. Vicente érao. Polo menos, todas as persoas coas que falamos, e das que coñecemos tiveron relación con este mestre, coinciden no antedito.
Este home, co que nos cruzamos en numerosas ocasións na nosa procura de información sobre o Friol do século XX, faleceu en Lugo o 9 de xullo do ano 1999.

Seguir lendo...

29/06/11

A cobra das sete cabezas

Diante da proposta de recollida dun conto tradicional no que houbese presenza dun animal, unha alumna de 1º de ESO despois de lle preguntar á súa avoa, trouxo o seguinte relato – co título que leva a entrada-:
"José Luís (que viña sendo un tío da narradora) dicíalle aos seus fillos que había unha cobra de sete cabezas nunha cova. Os fillos, como tiñan moito medo, non se achegaban á mesma.
Pero pasou o tempo e os que eran rapaces deixaron de selo e foron investigar o que pasaba naquela cova.Alí, non había cobra ningunha… o que había era que nesa cova metíanse os homes da guerra para que despois os demais pensasen que os comera e así non tiñan que pelexar".
Con este conto volvemos topar con feitos relacionados coa Guerra Civil. Fuxidos hóuboos por todas partes e dalgunha forma había que evitar que os nenos nos seus xogos non fosen dar cun segredo que ao deixar de selo implicaría unha descuberta non desexada polos agochados.
Ás veces, cando tentamos tirar do fío para recuperar a Memoria Histórica da Guerra Civil, atopámonos co clásico eu non seiaquí na guerra non pasou nada pero aos poucos imos coñecendo indirectamente a pegada inesquecible da mesma, aínda coa vontade de esquecela.
A achega debémoslla a Brenda Franco Racamonde e o relato á súa avoa Antonia Rodríguez Racamonde de 89 anos, veciña de Mundín, Seoane da Pregación, lugar que aparece fotografado ilustrando a entrada.

Seguir lendo...

21/03/10

Dúas referencias ao Friol do século XVIII

Da lectura dos artigos que o Cronista Oficial de Lugo, don José Trapero Pardo deixou publicados no diario “El Progreso” no ano 1961, recollemos un par de referencias ao Friol do século XVIII. Non gardan relación entre si, agás o século, pero dan mostra do vivir daqueles tempos, aparentemente tan afastados de nós.
No primeiro, Trapero fala das considerables rendas das que se beneficiaban os conventos da cidade, e en concreto o das Dominicas da Nova. Estas rendas ( foros, arrendamentos,...) proviñan do dote que entregaba a familia das novicias e posteriores monxas, de doazóns piadosas, ou por entrar na orde persoas de alta posición social que aportaban bens propios.
Así, nunha subasta destas rendas, realizada no ano 1.760, faise referencia ás que esta Orde posuía nas terras de Friol que eran: "138 fanegas, dous ferrados e un cuartillo de trigo; 7 cuartillos de manteiga, 2 galiñas, 13 reais, e 16 marabedís, máis 30 reais que pagaban cinco vasalos". Friol aportaba un considerable aporte económico á Orde citada.
Este convento coas desamortizacións do s. XIX desapareceu quedando nada máis a igrexa da Nova, mentres que parte das súas dependencias foron derrubadas ( para abrir a actual rúa da Raíña) ou destinadas a institucións civís.
Tamén de economía , pero xa doméstica, trata a segunda referencia que traemos aquí:
Comenta Trapero Pardo que os cartos chegaban a amañar nos séculos XVII e XVIII os conflitos máis difíciles de resolver, os do honor; xa que moitas veces, estes só se solucionaban con sangue.
No Lugo do ano 1.789, diante do escribán Matías de Vila asinouse un acordo entre as familias de dous mozos (rapaz e rapaza). O rapaz era de San Xoán do Alto (Lugo) e a rapaza da Pregación (Friol). Como indica o cronista “el diablo es tentador y las distancias no significan mucho en cosas de amor”. Como froito deste namoramento naceu unha nena. O rapaz fixo promesa de casar coa nai da criatura, pero pasaba o tempo e a promesa non era cumprida. Cando xa a meniña tiña tres anos, Alejandro (o rapaz) entregoulle a María ( nai da pequena) 200 reais, polo que evitou ir ao cárcere.
Diante do escribán, posteriormente, asinaron convenio indicando que pese a ter unha filla “sin embargo de ello quieren usar cada uno libremente de su persona como, cuando y adonde les convenga”. Como consecuencia, a partir da data do acordo danse “apartación recíproca” y declarando nulo calquera acordo anterior . Asinaron os pais e os interesados.
Aparte do acordado, houbo unha compensación económica para restituír o honor da doncela aldraxada, e así, María P. recibiu "oitocentos reais vellón en ouro e prata". Xunto cos douscentos entregados anteriormente facían a nada desprezable suma de mil reais, cos que se puido atender á crianza da filla de ambos.
O Alejandro chegara a ese acordo porque, ao parecer, tiña interese en casar, cousa que fixo meses despois deixando constancia diante do citado escribán.

Seguir lendo...

15/06/09

Seoane da Pregación. Toponimia

Esta parroquia do concello, na actualidade ten 61 habitances ( padrón do 2.008) repartidos entre os núcleos de Mundín (23), Seoane (23), Tralacorda (4) e A Escaravella( 2); hoxe no outro núcleo, O Pedroso, non vive ninguén.
Esta parroquia duplica a advocación na súa cabeceira. Seoane é un haxiotopónimo que provén do latín Sanctus Iohannes – don de Deus-- que por evolución fonética, chegou ao actual Seoane ( ou mesmo Soane que escoitamos ás veces). Cando a forma antiga , como sinala Fernando Cabeza, se fixo máis opaca , volveuse facer referencia á advocación inicial san Xoán. Tanto en documentos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, como nos arquivos da Catedral de Lugo, xa no século XIII hai referencia a Sancto Joanne de Prigaciom ( 1254), na catedral lucense, e como San Johanne de Preegraçon(1290) no Mosteiro de Ferreira de Pallares. A dobre advocación non é única no concello, basta con lembrar o comentado para S. Xiao de Friol .
Queda a parte final do topónimo, e para isto seguimos o estudo que publicou Nicandro Ares en "El Progreso" no ano 1988. Indica as dúas posibilidades filolóxicas do termo e, sen estendérmonos moito, deixa a porta aberta á posibilidade de que este Pregación veña do latino ‘precatio-onis’ co significado de pregar, suplicar e así Seoane puido ser en tempos pretéritos un “primitivo santuario onde se pediría con certa solemnidade o remedio dos males e axuda para ben vivir”. Outra posibilidade sería a de que orixinariamente se falase dunha “pregaçon / pregazon/preegazón” que lle daría o significado de publicar, proclamar ou pregoar. Aludiría ao S. Xoán Bautista como precursor ou pregoeiro de Xesucristo.
Mundín tería a súa orixe no antropónimo do seu posuidor que ben pode ser xermánico ou latino : Mundinus. Sendo no primeiro ' mund' coa significación de protector ou no segundo 'mundus' de limpo.
O Pedroso e Tralacorda son dous nomes claros ,relacionados, un coa presenza abundante de pedras, e o outro pola súa situación ‘trans’ da corda, entendendo esta como cordal, montañas, como así é.
Queda A Escaravella, de orixe incerta, ben puidese estar relacionada co insecto , ben co verbo escarvar.
Ilustra a entrada a fotografía da igrexa parroquial.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.