03/12/11

D. Vicente Devesa Jul ( I )

D. Vicente Devesa Jul, o segundo de cinco irmáns, naceu o 9 de xullo de 1920, no lugar de Tralacorda da parroquia de Seoane da Pregación --Friol-- onde fora casar a súa nai, Elvira, natural de San Román da Retorta --Guntín- co seu pai Ramón).
Xa de neno marcha para Lugo para facer o bacharelato, vivindo cuns seus familiares, no barrio de Magoi, segundo el indica nunha colaboración que fai no libro "La sublevación militar de 1936 en Lugo" de A. Santos Alfonso.
O bacharelato estudarao no que era "O Instituto", naqueles tempos situado na rúa San Marcos , nunha parte do que é hoxe o Pazo da Deputación Provincial. Posteriormente realiza os cursos de Maxisterio, obtendo a praza de mestre na oposición convocada no ano 1944.
Neses primeiros tempos como mestre, dá escola na vila friolesa (nos baixos da Casa Consistorial), para despois ter que desprazarse a terras fonsagradinas, cinco cursos, nas que coincidiu cun sacerdote, D. José Penelas da Casa de Santalla das Pardellas, Condes, tamén de Friol, co que compartía cabalgadura por aquelas frías e mal comunicadas terras.
Aquí comeza a andaina educativa dun home que levaba no seu ADN a paixón polo ensino. Un auténtico mestre que dedicou toda a súa vida ao labor pedagóxico, co agarimo, coa ilusión e a inquietude que se lle supón a un bo educador, e D. Vicente érao. Polo menos, todas as persoas coas que falamos, e das que coñecemos tiveron relación con este mestre, coinciden no antedito.
Este home, co que nos cruzamos en numerosas ocasións na nosa procura de información sobre o Friol do século XX, faleceu en Lugo o 9 de xullo do ano 1999.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.