29/06/11

A cobra das sete cabezas

Diante da proposta de recollida dun conto tradicional no que houbese presenza dun animal, unha alumna de 1º de ESO despois de lle preguntar á súa avoa, trouxo o seguinte relato – co título que leva a entrada-:
"José Luís (que viña sendo un tío da narradora) dicíalle aos seus fillos que había unha cobra de sete cabezas nunha cova. Os fillos, como tiñan moito medo, non se achegaban á mesma.
Pero pasou o tempo e os que eran rapaces deixaron de selo e foron investigar o que pasaba naquela cova.Alí, non había cobra ningunha… o que había era que nesa cova metíanse os homes da guerra para que despois os demais pensasen que os comera e así non tiñan que pelexar".
Con este conto volvemos topar con feitos relacionados coa Guerra Civil. Fuxidos hóuboos por todas partes e dalgunha forma había que evitar que os nenos nos seus xogos non fosen dar cun segredo que ao deixar de selo implicaría unha descuberta non desexada polos agochados.
Ás veces, cando tentamos tirar do fío para recuperar a Memoria Histórica da Guerra Civil, atopámonos co clásico eu non seiaquí na guerra non pasou nada pero aos poucos imos coñecendo indirectamente a pegada inesquecible da mesma, aínda coa vontade de esquecela.
A achega debémoslla a Brenda Franco Racamonde e o relato á súa avoa Antonia Rodríguez Racamonde de 89 anos, veciña de Mundín, Seoane da Pregación, lugar que aparece fotografado ilustrando a entrada.

1 comments:

Max

Siempre es reconfortante ver como se rescatan antiguas leyendas y cuentos tradicionales. Gracias por vuestra labor.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.