20/02/10

Vilafiz :A súa toponimia

A parroquia de Vilafiz, baixo a advocación de Santa María, distribúe os seus 69 habitantes nos núcleos de poboación que a continuación mencionamos para a súa análise toponímica:
Este Vilafiz tería a súa orixe nunha Villa Felicii ( de Felicius) –de Félix, feliz--. Segundo N. Ares xa aparece citada nos Tombos de Sobrado no ano 971.
Acevedo : Abundancial de acevos (ilex aquifolium).
A Folgueira procede dunha *filicaria que fai referencia a un lugar cheo de fentos ou fieitos. Na actualidade está abandonado.
Fondemera : A fonte ou nacemento do río Mera, hidrónimo de orixe preindoeuropea ('mira'?  na base de outros ríos galegos) dá lugar a este topónimo.
Gonce ten a súa orixe nun antropónimo feminino ( xinéconimo) romano. Gundia ou Gonza sería o nome . Xa no s. XI aparece citado como Gonci ou Gonti , seguindo ao autor xa citado.
As Laxes, da voz prerromana “lágena” - algúns din que de orixe celta— fai referencia ás pedras lisas e planas.
O Outeiro, do latino ‘altariu’: lugar elevado.
Rebordelo : Virá dun 'reboretum' –carballeira—co sufixo “elo” que lle engade o significado de pequeno.
Remesil : Lugar onde se encontra o pazo xa citado noutra entrada , segundo Nicandro Ares, é “o Remesille , citado en documentos do s. XIX .Tería a súa orixe no xinéconimo xermano Remesildi".
Por último queda Romá que terá os seus inicios nunha antiga ‘Villa romana’ --propiedade dun Romanus – antropónimo latino-.
As dúas fotografías correspóndense con: A fonte de S. Roque ao pé da igrexa parroquial.Nela podemos observar a marca dun antigo peto, hoxe desaparecido. A da dereita outra vista do pazo de Remesil.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.