02 maio 2009

Pazo de Remesil.

Situado na parroquia de Vilafiz, o pazo de Remesil foi construído no S. XVIII. O conxunto está formado polo pazo, unha capela dedicada á Nosa Señora da Concepción, a vivenda dos caseiros e as cortes dos cabalos.
No S.XVIII o pazo galego foise transformando para incorporar elementos de distinción que destacasen o refinamento da vida da nobreza. A austeridade do pazo galego foi así dando paso a unha nova tipoloxía. O contacto da nobreza rural coas elites urbanas, fixo que estas elegantes construcións asimilaran as trazas da arquitectura culta da época, buscando incluso a intervención de autores de prestixio. Deste xeito, o pazo de Remesil incorpora solucións propias das residencias señoriais, como as escalinatas, as solainas, as chemineas traballadas, ou os xardíns en cascada. Todos eles son elementos propios dunha arquitectura destinada ó ocio e ó goce dos sentidos.
O pazo ten planta en forma de U. Os muros están feitos en cachotería, e a cantaría de granito resérvase para recercar esquinas e vans. A cuberta é de lousa a catro augas. Ten dúas plantas: a planta baixa destinada ó servizo e a alta para a vida doméstica dos señores.
O máis salientable é a fachada principal, concibida como unha arquitectura aberta que busca o contacto cos xardíns. Está percorrida por unha solaina de balaústres e divida por piares. O corpo central está formado por unha dobre escaleira de balaústres que conduce á planta nobre. No centro de esta ábrese unha tripla arcada de medio punto na que se concentra toda a decoración. O repertorio ornamental parece un compendio do barroco compostelán: pináculos de bóla, volutas, ou as sartas de elementos vexetais e cintas que decoran as pilastras, tan presentes nas obras de Domingo de Andrade e que deixaron pegada en toda Galicia. Esta forte influencia do barroco compostelán en Lugo, increméntase no S.XVIII, coa chegada de Fernando de Casas y Novoa, quen trouxo como colaborador de obras a Lucas Ferro Caaveiro, e que van difundir elementos doutros arquitectos composteláns, como Simón Rodríguez ou Clemente Sarela. De feito, algún autor relaciona o pazo de Remesil con algún destes autores citados, especialmente con Lucas Ferro Caaveiro (autor do edificio do concello de Lugo e dalgúns encargos da nobreza luguesa).
O corpo central mostra o escudo de armas, de factura rococó, decorado con lambrequíns, rocallas, e coroa marquesal. Está acuartelado e dividido en catro campos: o primeiro coa aguia dos Aguiar; o segundo cunha aguia voando sobre unha torre, dos Noboa; o terceiro con trece roeis dos López; o cuarto cun M coroado dos Montenegro.
Na actualidade, o conxunto pertence ós propietarios de "Suministros La Ronda". Cando adquiriron a propiedade, a solaina tivo que ser reconstruída. A restauración levada a cabo é un tanto discutible, e así o recoñece tamén o seu propietario. As chemineas, que deberían seguir o modelo da cheminea que se conserva na parte posterior, resultan totalmente disonantes. Con todo, parece que nas últimas intervencións (as cortes) estanse a evitar este tipo de desacertos.

6 comentarios:

Tinta Azul

De repente lembrei-me do romance Filomeno de Gonzalo Torrente Ballester [um dos meus escritores preferidos e talvez quem me tenha feito conhecer melhor a Galiza], ainda que o Paço fosse minhoto.

:)

Friol

Se tivese que elixir un libro , non sabería decidirme. Son moitos e sería incapaz de escoller un só.
De tódolos xeitos entre os finalistas estaría "La saga/fuga de J.B" de Torrente, sen ningunha clase de dúbidas.
A vida en Castroforte deixou forte pegada nas miñas lecturas xuvenís que aínda relembro con satisfacción.
Non estaría mal reler a novela neste pazo, cos sons da cascada de fondo.

busto.agolada

Chámame poderosamente a atención esta arquitectura tan singular e con tanta ornamentación. As escalinatas, as arcadas e o frontispicio quizais pequen por exceso.
Algú día teremos que ir a Remesil.
Saúdos

Naralliensis

Para a sensibilidade estética actual, si que resulta excesivo. Cando se fixo, isto era vangarda.
Un saúdo.

Anónimo

Isto que comenta Naralliensis ten graza: Se leva razón ( eu creo que si) habería que inducir que o que hoxe é vangarda nun futuro vai ser tachado de excesivo en termos pexorativos.
Curioso.
Decido que todo é relativo.Ata este meu comentario.
Saúdos

Naralliensis

Probablemente o que hoxe vemos como vangarda, algún día resulte soso (de feito, o minimalismo extremo xa empeza a suavizarse con contrastes cada vez máis soprendentes). Cada época instaura o seu propio código estético. Aínda que a pauta é sempre a mesma: do clasicismo ó anticlasicismo, e viceversa, e así ata hoxe. É a historia do gusto, sempre dando bandazos a base de aburrir.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.