05/05/09

Un gaiteiro universal en Friol

Nesta entrada recollemos un artigo de José Fariñas elaborado para o "Lume Novo" no que o autor fai unha emotiva semblanza de Severiano, "o gaiteiro universal de Friol". Chamábanlle SEVERIANO (máis mundano ca severo). Chamábanlle Severiano, mais non gustaba do golf. Se debecía por algún deporte, este era o "bípedo-ciclismo" unha especie de bicicleta con cadro, pero sen pedais, tirada por dous pés infatigables; unha actividade moi sa para "llanear" e moi sa para subir e baixar costas, porque había que "apearse" ...
É natural. Severiano era el e a súa gaita, dende o berce ata a eternidade. A gaita de Severiano vestía os mesmos farrapos co dono. Xantaba con el (cando había xantar), durmía con el (na mellor palleira), percorría o mundo infinito de Friol e arredores sen descanso, coma el. Dous átomos e todo química. 
Severiano non coñecía as notas musicais, pero levábaas na alma. Nin Severiano, nin a súa gaita, foron á escola, pero adoraban a música: a terra que pisaban era ritmo, era son, era inocencia, era felicidade ...
Severiano e a súa gaita (e viceversa) acudían raudos a todas as festas, a todos os convites, a todos os enterros, a calquera cabodano, á peor taberna...
Que esixía Severiano para poder tocar? Pouca cousa: a presenza dun neno, dun paxariño, de Xosé coa súa melopea...
Cando a Severiano lle daban un peso por tocar e cinco por non tocar, tíñao claro: Tocaba! 
Cando Andrés se burlaba da inxenuidade de Severiano e o seu instrumento, tíñao claro ... Ríase!
Unha vez regaláronlle a Severiano un traxe novo do trinque e unha camisa branca. Todo un señor! Pero déuselle por dicir que a gaita estaba triste... non facía "xogo". Aos poucos días a gaita e o traxe tiñan a mesma cor. Agora si que era un señor!
Correu tanto a sona de Severiano, que se reconverteu nun home-orquestra engadindo ao son da gaita un instrumento artesán de percusión. E ata foi ao ‘paleoprograma’ Luar; pero aquela noite rompeulle a percusión en directo, e non quixo saber nada xa daquel artefacto: o seu era a gaita!
Severiano tiña un repertorio quizais un pouco curto, pero escolleito: podía estar media hora tocando a "muiñeira de Chantada" no palco da música de Miraz mentres "Os Satélites" ían cear, e todos felices, empezando por el. Despois volvían os músicos (todo o bo se acaba)... 
Severiano ía coa súa gaita a todos os enterros. Non levaba "marchas fúnebres", pero "por se acaso". 
A gaita e Severiano fixéronse vellos xuntos: Severiano con algunhas eivas (como a do accidente que o deixou medio cego); a gaita coa palleta algo luxada. Pero os dous loitaron ata o último folgo, sen cansar e sen protestar.
Severiano,o ‘trotamundos’ de Friol, pasou a "vivir" a Guitiriz (porque non só era el e a súa gaita, senón tamén as circunstancias), converténdose nun cosmopolita da morriña e a tristura.
Desde hai moito tempo, as corredoiras, a sinxeleza e os melómanos teñen unha conta aberta de sinxeleza, agradecemento e ilusión.
Un día escuro, nunha hora noxenta, ficaron mudos a gaita e o gaiteiro ... Mais espallouse por doquier unha mestura homoxénea de palleta e falanxes, de fol e corazón, de muiñeiras, bondade, sorrisos e inocencia.
Abrazadiños no humilde cadaleito, fundidos no Universo, así os viron, abraiados, ás moitas xentes de ben que acudiron prestos a darlles o sincero adeus no enterro singular.
Agora xa intuímos o porqué algúns eruditos dixeron que Friol vén significar "esplendor en paz"
As fotografías facilitáronas o propio autor do artigo e Tato de Terrón, nelas podemos observar a Severiano facendo palletas e ao propio gaiteiro coa súa gaita
Nota: As dúas entradas dedicadas a Severiano, están ligadas na portada do blog a unha foto do gaiteiro facilitada por Javier Hermida Meilán

3 comments:

Anónimo

Dá gusto ler cousas escritas dende o corazón.

Anónimo

Coñecín este gaiteiro de nena...cando pasaba as miñas vacaciòns na fermosa aldea de Santiago de Miraz.Era unha ledicia velo chegar coa súa bici sin pedáis e a súa gaita no portapaquetes.E pra mín un recordo imborable..grabado no meu corazón dende a infancia.Un home cheo de gracia..de arte e de humanidade.

Petapeta

Bo día: Non sabemos se sería moito pedirlle a quen deixou o anterior comentario pero se cadra non estaría mal un pequeno texto evocador desa infancia en Miraz lembrando tanto a Severiano como os rabaños de Avelino e quen sabe cantas cousas máis.
Tería un espazo neste blog.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.