Achéganse as eleccións ao Parlamento Europeo. Xa hai un tempo que as diferentes formacións políticas foron facendo públicas as candidaturas polas que optar o próximo 9 de xuño ( xa publicadas todas no BOE de 8 de maio ).
Con alegría, vemos que como número 3 da lista presentada polo Bloque Nacionalista Galego, vai a friolesa de adopción e dedicación Mar Pérez Fra.
Coincidimos con Mar como nai de alumnado, no grupo de teatro Carballo Vivo e nun monte de actividades organizadas pola propia asociación carballesa, pola Rede Museística Provincial ou pola propia USC.
Por non estendernos, deixamos esta ligazón para coñecer mellor o perfil desta veciña da parroquia de Cotá.
Abonda escoitar o sentir de moitas friolesas e frioleses, para saber da capacidade, formación e implicación da candidata. Basta reproducir o que dela di Lola López Caión: "Ninguén mellor ca Mar para formar parte desas listas. Por convicción e por experiencia”.
Boa coñecedora do noso rural, desde o Departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior implementa todo tipo de actividades e investigacións a prol de loitar contra un rural marxinado, carente de servizos, e do que as grandes formacións acordan só nas contendas electorais.
Para finalizar esta entrada deixamos a reflexión, claro rexeitamento á celulosa que queren chantar no corazón da Ulloa (ALTRI ) e explicación do porqué da súa presenza na candidatura.
"Ao mesmo tempo que as nosas gandeiras e gandeiros pagan prezos elevadísimos para comprar ou arrendar terra, boa parte do país se abandona e se foresta. A consecuencia disto cada ano queimamos máis de 100 millóns de euros de fondos públicos en extinguir incendios.
E mentres todo isto acontece aínda temos que asistir abraiadas a un lamentábel espectáculo: o goberno galego e español queren regalar a unha empresa contaminante 250 millóns de euros! Para que? para que uns cantos empresarios enchan os seus petos á nosa conta e para continuar expandindo o eucalipto e limitando as posibilidades das explotacións agrarias. Queren regalar unha comarca agraria a unha empresa que non fai máis que afondar nun modelo forestal que ningún país desenvolvido quere para si. E van facelo cos cartos de todas e todos nós. Destruíndo no proceso centos de postos de traballo no corazón de Galiza, seguramente moitos máis na Ría de Arousa, e arruinando espazos naturais que son valiosísimos.
Temos que pararnos a reflexionar sobre o futuro que queremos para o noso país. Non podemos continuar así: desfeita tras desfeita. Necesitamos que alguén mire por nós en Bruxelas para parar o desgoberno que vivimos.
Por todo isto, e porque son unha muller ecoloxista e feminista que ama profundamente este país dou un paso adiante e vou na lista do BNG para as eleccións europeas."
Compartimos reflexión e animamos a coñecer mellor, e se acaso apoiar, a esta veciña para que no Parlamento Europeo haxa voces galegas que defendan con criterio os intereses da nosa terra.
0 comments:
Publicar un comentario