25 abril 2024

Antonio Benaiges: o mestre que prometeu o mar

Antonio Benaiges co seu alumnado na súa escola, 1936 (1) 

"El maestro que prometió el mar” é unha película dirixida por  Patricia Font, estreada en novembro de 2023, que nos achega á vida do mestre catalán Antoni Benaiges (magnificamente interpretado por Enric Auquer) e á traxedia que significou o seu asasinato o 25 de xullo de 1936.
O esquecemento imposto polas novas autoridades pretendía facer desaparecer a memoria dun mestre comprometido co mundo do ensino e coa conquista das liberdades.
Coñecemos a historia deste docente a raíz da publicación en 2012 do traballo "Antonio Benaiges, el maestro que prometió el mar" (2)  de, entre outros, Francesc Escribano, e fotografías de Sergi Bernal; por este libro soubemos das exhumacións que se levaban a cabo na fosa de La Pedraja a 25 km da capital burgalesa, onde se cre que están soterrados, entre outros moitos, os restos deste mestre nacido en Mont-roig del Camp (Tarragona).
Placa cos nomes das persoas identificadas na Fosa de La Pedraja (3)

Ao tempo, serviunos de aproximación ao labor desenvolto por este mestre na Bureba burgalesa. 
O filme refrescounos a memoria e permitiunos lembrar as innovadoras ideas que achegou á escola de Bañuelos de Bureba ( na comarca con cabeceira en Briviesca).
Antoni Benaiges, coñecedor dos métodos propugnados por Célestin Freinet, puxo en marcha na súa escola castelá unha prensa escolar que lle permitía ao seu alumnado crear textos para despois imprimilos; nunha palabra: dálle voz aos discentes, democratizando o proceso de aprendizaxe e facilita superar as paredes que pechan a escola, pois estes cadernos que se imprimían na Bureba, voaban a outras escolas que tamén participaban desta filosofía educativa.
Portada e un texto do caderno "El mar" (4) 


A Galicia chegaron cadernos desde Bañuelos, concretamente á escola d’A Cañiza (Pontevedra) que dirixía naqueles anos da II República, o freinetista ourensán, José Benito González Álvarez.
Este Benaiges, nas duras terras burgalesas, prometeulle ao alumnado ir ver o mar. Arredor desta idea orixinouse unha actividade creativa onde a rapazada escribía sobre como crían que sería ese mar do que lles falaba o mestre. 
A idea era levalos á costa mediterránea catalá e aloxalos na súa propia casa familiar; posteriormente estes nenos e nenas poderían escribir, a partir das súas vivencias e impresións, con coñecemento fundado, sobre o líquido elemento ( hoxe falaríamos de unha aprendizaxe significativa).
O proxecto truncouse. Programada a viaxe para o verán do 36 a historia ignominiosa non o permitiu.
Benaiges, pretendía unha inmersión sensorial total, non falaba só do mar como grande masa de auga: o mar permite intuír o infindo, coñecer a bravura destemida que desencadea en situacións adversas, amosar o agarimoso que pode chegar a ser cando bica docemente os areais,... 
Un mar evocador de liberdade, de forza necesaria ante a inxustiza e tamén de amor e xenerosidade.  
Quedaron ser ter a experiencia que sempre xera esa primeira vez que un neno ou nena, que vive afastado da costa, chega ao mar.
Que sensación de baleiro emocional puido sentir este alumnado ilusionado coa viaxe? 
Como vivirían a ausencia do seu mestre? 
Como sería o caderno que non chegaron a escribir?

Louro, Muros (5)

Nós, temos un texto dunha rapaciña de oito anos que alá polo comezo do curso 1983/84 escribiu as súas impresións sobre o mar (neste caso o Atlántico) cando o viu e viviu por vez primeira e que reflectiu nun poemiña infantil. A alumna tiña oito anos, apuntaba maneiras! (hoxe é unha das contadoras de historias que percorren a xeografía galega xerando ilusións, unha verdadeira mestra das contadas: Raquel Queizás.
"O mar" 
"Cando te vin non te coñecín 
achegueime de vagar 
seguindo o teu andar, 
a túa auga íame curar, iso oín... 
e xogamos indo cara diante, 
 un chimpo, e logo cara atrás. 
As areas construían covas 
 entre as miñas gordechas dedas. 
E molleime nunha onda 
nela entrei toda, 
parviña fun que non pechei a boca... 
Sabíame a caldo, a caldo de verán, 
 o que deixas arrefriar demasiado tempo na ventá. 
E sabíame a polbo sen cociñar,
e sabíame a xogos sen tempo sen lugar. 
O silencio cubriuno todo, 
dentro de ti fun peixe de mar." (6)
Esta creación perfectamente tería un oco  nos cadernos freinetianos "Gestos" da escola de La Bureba ou no "Faro infantil" título que publicaba a escola d'A Cañiza.
Xesús Golmar Rodríguez (7)


Experiencias coma a de Benaiges, sen ser estritamente freinetianas, tivemos aquí, si, en Friol... tamén nesas datas.
Só podemos documentar unha escola, pero seguro que algunha máis tamén gozou dalgún ou dalgunha docente imbuída das novas pedagoxías que non so implicaban á escola.
Nos primeiros anos da II República, exactamente nos cursos 1931-32 e 1932-33, houbo un mestre na acabada de crear escola (8) da parroquia de Silvela, Xesús Golmar Rodríguez, natural de Lalín.
Este mestre segundo publicou a súa filla "contaxiado polo espírito da Institución Libre de Enseñanza, cre firmemente no poder rexenerador e liberador da educación" (9)  
Sabemos que ao igual ca o Benaiges (ver ligazón) , non era ben visto polas rancias forzas vivas do concello, as súas prácticas docentes, e seguramente a súa ideoloxía, xeraban fortes rexeitamentos. A tal punto chegaba a xenreira que o concello friolés negouse a abonarlle as cantidades ás que tiña dereito para sufragar os gastos da chamada “casa- habitación” e Golmar tivo que presentar reclamación no Goberno Civil para cobralos).

El Pueblo Gallego, 26 de abril de 1933


Este Golmar escribía na prensa galega as artigos "con clara intención didáctica"(10) Deixamos aquí un dos seus artigos: LA VERDAD DESNUDA ( Eco de Galicia, 1 de decembro de 1929) no que escribe o seguinte:
“Distribuid la riqueza como querais, repartidla como se os antoje, organizad la sociedad política y económicamente como os parezca; mientras haya una multitud ignorante y unos cuantos que sepan, ellos la explotarán”, texto que reivindica o poder emancipador da escola.
No 1936 é depurado, inhabilitado como mestre encarcerado e xulgado con pena de cárcere que cumpre primeiro na prisión da illa de S. Simón e posteriormente é trasladado ao Forte de San Cristovo, Pamplona do que é posto en liberdade provisional volvendo ao seu Lalín natal, sen poder exercer a docencia, onde falece en 1962. 
A mesma teima que tiña Benaiges e que compartían moitos dos mestres e mestras que espallados pola xeografía republicana loitaron por defender as súas ideas e toparon co rexeitamento do clero e dos sectores máis dereitistas dunha sociedade na que estaban afeitos a que se fixese o que eles ditaban. 
A música que interpretaban estoutros mestres tiñan outras partituras. De aí o asañamento co que se prodigaron falanxistas, monárquicos e rebeldes contra estes impulsores dunha nova escola.

Notas
(1) Fotografía recollida do libro "Antonio Benaiges, el maestro que prometió el mar"
(2) VV AA: Antoni Benaiges, el maestro que prometió el mar. 2012. Barcelona. Ventall Edicións
(3) Fotografía extraída do blog https://cronicasapiedefosa.wordpress.com/
(4) Caderno especial "El Mar" integrado na publicación de "Antonio Benaiges..."
(5) Fotografía da Wikipedia
(6) Agradecemos a achega do texto que non podía acaer mellor nesta entrada sobre Benaiges. Graza Raquel!
(7) A fotografía pertence á entrada de Golmar na wikipedia
(8) A escola da parroquia de Silvela é creada no ano 1930 e posta andar no ano 1931 precisamente con este mestre (Golmar). Inicialmente e a petición do concello, Instrucción Pública créaa co nome de Cobariza (sic), (entendemos que a idea era creala nese lugar, pero en todo momento desde o concello para a súa creación falou sempre da escola de Silvela ( entendemos a que está á beira da estrada que une Friol con Sobrado e que hoxe é unha casa particular); seguramente non atoparon local axeitado para alugar como escola. 
Escola de Silvela, hoxe casa particular


(9) (10): Mª Rosario Golmar Saavedra: Xesús Golmar Rodríguez, educar na virtude, no respecto e no amor á naturaleza (ver ligazón)



1 comentarios:

Mª José

Grazas, fai pouco que vin o film unha marabilla e tamén o reflexo de toda unha época moi moi escura

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.