09/08/23

O que agochan os nomes das casas: un mundo ( II )

Seguimos falando dos nomes das casas. Elaborando a entrada anterior, lembramos esta magnífica achega que fixera Vanessa Blanco Cruz, alumna do CPI Dr L Suárez a fins do ano 2014 para o blog irmán pequeno deste "No campo da feira"
Transcribimos literalmente a entrada con pequenas notas explicativas que se cadra nin eran precisas. 
Poñémola como exemplo de memoria agochada que cremos debe ser contada e escoitada para que non quede esvaída co paso do tempo e se rompa o elo da oralidade tan en perigo nestes tempos.
Certo é que non en todas as partes son da mesma opinión, o que respectamos pero non compartimos.

Velaí vai:

"No lugar de Gonce, parroquia de Vilafiz, encóntrase a casa da Pena. O último dono que viviu nela foi Don Manuel Bóveda Ulloa. ( falamos dunhas súas irmás nestoutra entrada )

Don Manuel era mestre e puxo escola na súa propia casa. Chegou a ter moitos nenos que viñan doutros lugares de arredor e tamén xente que xa era maior e que querían aprender a ler e a escribir.

No lintel da entrada hai unha inscrición coa data 1474 (case con seguridade o ano en que foi construída); ten unha aira cercada cun muro de máis de 4 metros de altura; a aira comunica co balcón mediante unha pasarela.

Tamén ten unha galería subterránea que mide uns 200 metros de largo, na que se agochaba a xente no tempo da guerra(cremos que tamén se empregaba para agochar os quintos --soldados- que non querían ir servir o exército, pero iso é outra historia) 
Ten tres carballos ao lado do pendello, máis ou menos da idade da casa. 
Na actualidade está arrendada (2014) por un veciño de 81 anos que ten a súa casa ao lado, aínda que, practicamente xa está en ruínas.

Informante:Victorino e Cándido
Idade:78 e 81 anos
Relación:avó e veciño
Nome da casa:Casa de Arrieiro e Casa Vella
Lugar, parroquia:GonceVilafiz
Traballo feito por Vanessa Blanco Cruz"

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.