Antes de meternos en fariña imos facer uns apuntamentos.
Unha nota definitoria do rural galego é a importancia da casa como unidade de convivencia que identifica á familia con máis claridade ca os apelidos convencionais.
A maioría das casas arrastran nome de ben atrás e serven, como diciamos, como claro elemento que diferencia os seus moradores en relación coa veciñanza próxima, do lugar, da parroquia e mesmo do concello.
Por outro lado, actividades como as que desenvolveron na vila friolesa tempo atrás ao longo dunha semana moi intensa, Raquel Queizás e Alba Grande, non é algo que quede no baleiro que pasa e rematou. Non serve aquí o de pasou o día pasou a romaría...
Ao contrario, xa o comentamos: esta xira de Cóntame un mundo, levantando alfombras e quitando arañeiras das memorias permite que a veciñanza ( polo menos a parte máis interesada e activa no relacionado coa oralidade) tome conciencia de que saben, sabemos, máis do que cremos saber e algúns e algunhas están dando o paso seguinte que é contar iso que se sabe.
Estupenda pegada que seguro xera máis intercambios enriquecedores.
Vén isto a conto porque estes días no facebook, unha veciña decidiu poñer negro sobre branco os seus pensamentos sobre a historia da súa casa, o que lle contaron e conta.
Así, comezaba unha anterior entrada que nos vimos na obriga de facer desaparecer pois non todo o mundo concorda niso que comentabamos anteriormente de partillar as historias que agochan os nomes das casas.
Somos respectuosos e queda a historia da veciña no caixón. Mágoa!
Lembramos, nun centro escolar polo Entroido, (non era Friol... aclaramos para evitar suspicacias) que había unha mestra que non quería que o seu alumnado lle fixese copla ningunha. Lémbranse as coplas de Entroido que a rapazada elaboraba no curso correspondente con maior ou menor enxeño e que poñían, como debe ser, o mundo ao revés.
Pois ben a esta profesora respectámoslle o seu mandado e non se lle fixera copla ningunha...
Pero como, por outra parte o Entroido non é época de prohibicións e censuras, cumprimos escrupulosamente coa negativa da docente e co que esixía a tradición do seguinte xeito:
"Hai unha mestra no cole
que dixo non quere copla
como somos obedientes
a Marga non se lle toca"
E seguimos cos nomes da casas.
Se collemos as guías telefónicas elaboradas no Colexio de Friol en diferentes cursos escolares, veremos que son moitos e moitas as casas que manteñen, entre outros, nomes de antigos oficios :"Zarralleiro" "Muiñeiro" "Zapateiro"."Carteiro"... e por suposto Ferreiro.
Non creo se teña que facer esforzo ningún para situar moitas destas casas: En Carballo, en Cotá, en Guimarei, mesmo na capital do concello, en Miraz,... e mesmo tamén hai a súa variante feminina.
Paramos neste nome de casa porque falabamos na outra entrada suprimida dun antepasado dedicado á ferrería e ligabamos esta ocupación ao interese que nas guerras carlistas tiña tales casas por ser recurso para ferrar cabaleirías, amañar ferramentas e mesmo armas de fogo, polo que supuña de gran importancia para os facciosos ter de man estes centros artesanais.
Cando escribiamos aquela acordamos de "A Gavilla" relato publicado por X María Álvarez Blázquez nun pequeno libriño da colección O Moucho,: "A pega rabilonga"no que fala tamén das vicisitudes dun ferrador que vivíu na mesma época que se enfrontaban entre si os apostólicos e os do trágala trágala; paga a pena botarlle unha ollada.
Xa para rematar lembrar tamén que na literatura popular a presenza do ferreiro é abondosa.
Deixamos aquí como remate aquela copla que di
Non te cases cun ferreiro
que ten moito que lavare
Casate cun mariñeiro
que vén limpiño do mare
0 comments:
Publicar un comentario