30/01/09

Anafreita histórica


Desta parroquia existen noticias documentais desde fins do S.X. Unha sobriña de San Rosendo, Dª Teresa, monxa do mosteiro de Sobrado, exercía un ilimitado señorío sobre este territorio. No ano 1000, Dª Teresa concede a liberdade ós seus habitantes. Proba do valor histórico de Anafreita son os vestixios que conserva, como a propia igrexa, a casa-torre, ou a casa señorial Do Río.
Sobre as funcións das casas-torre xa falamos nunha entrada anterior. A de Anafreita é hoxe unha casa particular ubicada na parte máis alta da aldea. Ten dúas plantas cunha porta alintelada e unha pequena ventá na fachada. O muro oeste ten un único van na segunda planta, en cuxo lintel hai un gravado co anagrama da Virxe María. Este carácter austero de predominio da masa pétrea, é propio das construcións de tipo defensivo. Nos cimentos pódense ver as diferencias de grosor entre os muros primitivos e os paramentos posteriores. Na parte posterior engadíuselle outro corpo para adaptar a primitiva torre a vivenda.
No exterior, un camiño de pronunciado desnivel, debeu ser aproveitado primitivamente como foxo natural defensivo. Este camiño conduce a unha casa señorial, a Casa Do Río, que xunto coa torre pertenceu no S.XVIII ó marqués de San Xoan de Carballo, titularidade que iría cambiando co devir dos tempos. A casa ten unha solaina de pedra asentada sobre columnas de fuste monolítico e vigorosas molduras pétreas de dúas pezas encastradas no muro. Unha escalinata de pedra dá acceso á solaina. Propiedade da casa era tamén un muíño próximo.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.