07/05/10

A casa de Guntín. Carballo

Dentro das cousas pendentes que tiñamos enriba da mesa, estaba unha casa cun escudo feituco, situada na propiedade que os Saavedra posúen en Guntín, parroquia do Carballo.
As referencias escritas, da citada vivenda, facíana aparecer como antiga casa cuartel da Garda Civil –ver Lvcensia nº 22 -- o que, sinceramente, tíñanos ben confundidos.
Tiñamos razóns –fontes documentais— que acreditaban que o primeiro cuartel da G. Civil que estas terras tivo foi o que en outubro de 1898 fora aprobado polo Goberno do momento e construído posteriormente na vila de Friol, no que hoxe coñecemos como Cuartel Vello.
Veciños do lugar –nacidos e criados ao pé desa vivenda-- daban outra referencia. Un deles, o propietario da Casa Martiño, indicaba que nunca oíra falar de que alí houbese cuartel ningún. Quiroga, o xuíz de paz e colaborador noso, coetáneo do anterior e nacido no mesmo lugar , infórmanos que a casa era coñecida como a casa do concello; que sempre se coñeceu con ese nome ; sen precisar máis razón que o oído na súa casa.
O xuíz ten boa memoria, e lembra –témolos publicados—contos e sucedidos que lle relataba a súa avoa que pensamos nacería no derradeiro terzo do século XIX. Xa non había concello, pero si permanecería na memoria viva a súa primeira utilización e a edificación timbrada como testemuña.
Cremos que ben puido ser casa do concello. Carballo pertenceu nun primeiro momento da nova división administrativa do novo réxime, ao concello coñecido como Terras da Orde , e moi probablemente, aí fose instalada a casa do concello.
Non sabemos se foi unha edificación aproveitada, ou de nova planta, pero o que si está claro é que para indicar a súa “oficialidade” esculpiron un escudo que non sabemos moi ben qué quere representar cos dous cuarteis con leóns e dous con castelos. Escudo de armas de España ?  Cando menos leóns e castelos están coa posición intercambiada. Iso si, ten coroa e incorpora unha flor de lis e a forma recorda vagamente a pel de touro --empregada ocasionalmente a principios do XIX -- .
Nada máis podemos precisar.

1 comments:

jmae

Aclarar, en primeiro lugar, foi Casa Cuartel da Garda Civil durante a segunda Guerra Carlista, e durante a primeira foi cuartel da Milicia Nacional. O edificio foi construido como "Casa da Xurisdicción da Terra da Orde" é tamén foi por breve tempo casa de Concello. Todo isto está totalmente documentado e publicado en diversos formatos de publicacions.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.