06/05/10

Higinio M. Fernández de la Vega

Hoxe pola mañá, achegouse ata Friol, Higinio de la Vega coa súa dona. O ex-director do Centro Escolar, Carlos Veiga, foi a ponte de unión deste neto do notario de Friol e sobriño do Cilistro, con nós. 
Xa deramos con el a través dos seus artigos no diario provincial "El Progreso", pero non tiñamos o gusto de coñecelo persoalmente.
De feito, un traballo seu publicado no citado xornal o 8 de agosto de 1969, baixo o título "Desde Friol: Un municipio casi aislado" no que se facía critica sobre o estado das estradas que comunicaban a vila coa capital da provincia, deu pé para, dunha vez, facer unha entrada sobre D. Alonso Ordóñez das Seixas y Villaquirán, pois un seu comentario acabou de espertar definitivamente a curiosidade sobre este Señor de S. Paio, co que xa tiñamos topado en varias ocasións.
Hoxe soubemos que este De la Vega, avogado emérito, é un grande coñecedor do seu concello; interesado no seu pasado, nos seus homes e -- non o falamos-- seguramente no seu futuro.
Relacionado con D. Antonio Fraguas Fraguas co que compartía inquedanzas, silencioso investigador da historia e patrimonio destas terras, socio de número da "Asociación de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia",... e seguro que tantas outras cousas que quedan no tinteiro. En definitiva memoria viva do século pasado, coa documentación correspondente, a un tempo.
Case acreditamos que o seu irmán Ángel, do que xa falamos noutra entrada, bebeu nas fontes de Higinio para escribir o libro que sobre o concello publicou.
Seguidor do blog, agradecémoslle o seu interese polo mesmo e esperamos que moitas das dúbidas que nos asaltan sexan disipadas coa súa axuda.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.