12/02/10

Ángel Martínez Fernández de la Vega.

A filla de Higinio Fernández de la VegaAntonia F. de la Vega Pardo, casou con José Martínez Mendoza ( fillo do alcalde naqueles anos Ángel Martínez) en setembro de 1929.  Este matrimonio tivo varios fillos, entre eles Manuel , recentemente falecido e Ángel, nacido no ano 1931 que é de quen nos ocupamos nesta entrada.
Ángel Martínez Fernández de la Vega, xornalista de profesión, traballou no diario provincial “El Progreso” dende o ano 1958. Máis adiante, no ano 1970, asume o posto de redactor xefe , xubilándose en 1.995.
Foi asemade director da publicación “La Hoja del Lunes”, editada pola mesma empresa e con carácter eminentemente deportivo. Esta publicación nacida no ano 1962 tivo unha vida relativamente curta, pois no ano 1987 deixou de publicarse ao ser o propio “El Progreso” o que editaba e publicaba a información dese día.
Tamén sabemos que foi director do semanario viveirense “ El Heraldo de Vivero” durante moitos anos. A día de hoxe na páxina de comunicación da Xunta aínda figura como director do mesmo. --descoñecemos se a páxina está actualizada--
Ángel de la Vega , como gusta ser chamado, é o autor da única Guía editada ata o momento do concello de Friol. Neste libro da editorial Everest, fai un percorrido polo pasado e presente de Friol -- este é o título da publicación--co cariño e gran coñecemento de quen é fillo desta terra. Foi publicado no ano 1995.
Tamén publicou un libro sobre  Fole, baixo o título Anxel Fole. 101 anécdotas”, nel recolle os aspectos máis humanos de D. Ánxel, aproveitando o gran coñecemento que tivo do autor de "A lus do candil", por teren compartido  durante moitos anos, redacción do xornal e amizade.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.