12/04/10

D. Alonso Ordóñez das Seixas ( II )

Xa hai tempo que tiñamos interese no personaxe que nesta entrada tratamos. Xurdiu este, por un comentario que Siro López (no seu libro sobre Celestino Fernández de la Vega) facía sobre un traballo que o filósofo friolés fixera sobre Alonso Ordóñez das Seixas. Recoñece o propio Siro e, recoñecemos nós, que aínda non demos localizado o citado traballo. Co que si demos, foi con diferentes publicacións que tratan sobre diferentes aspectos do século XVII e nos que aparece mencionado D. Alonso Ordóñez das Seixas, ao que xa fixemos referencia noutras entradas e do que, co atopado, podemos definir como un verdadeiro expoñente do humanismo que impregnaba a época deste D. Alonso.
Xa quedaramos intrigados diante da inscrición que na capela de San Xoán, do Mosteiro de Sobrado ( onde estaría enterrada a Dona da Torre ) se podía ler: “ESTA CAPILLA, DE SUS ANTEPASADOS, RESTAURO DON ALONSO ORDOÑEZ DAS SEIXAS Y TOBAR, SEÑOR DE LA FORTALEZA DE SAN PAYO Y SUS TIERRAS, PARA SI Y SUS SUCESORES. AÑO DE 1613”. Pois ben, Don Alonso Ordóñez de Villaquirán das Seixas y Tobar foi un home do seu tempo, interesado no mundo do coñecemento e versificador recoñecido, como a continuación veremos.
Este D. Alonso – nacido en Zamora-- sería o froito do matrimonio de Dona María de Andrade (filla de D. Fernán Pérez das Seixas) e don Luís Ordóñez de Villaquirán y Vivero, señor da “casa solar de su apellido en la Rúa de los Francos, en la ciudad de Zamora”, (Vázquez Seijas,M: "Fortalezas de Lugo y su provincia" Tomo I, pax.123) rexedor desta cidade e paxe de El Rei .
D. Alonso Ordóñez casaría coa súa curmá Dª Brianda das Seixas Andrade y Tobar, que lle achega o Señorío de San Paio ao seu home, que no ano 1621 era procurador en Cortes por Zamora.
Sendo señor de San Paio, segundo Emilio González López, a súa residencia habitual tíñaa na cidade da Coruña, o que terá a súa importancia para o que na entrada seguinte trataremos.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.