12/04/10

Alonso Ordóñez das Seixas ( III ): As exequias da raíña Margarita.

Cando morría algún Rei ou alguén da Casa Real (mesmo se o falecido era algún personaxe de moita relevancia social), era frecuente a realización do que se coñecían como Exequias Reales, que eran uns actos laudatorios con grande monumentalidade.
A comezos do s.XVII, no ano 1611, falece a raíña Margarita de Austria, sendo moi nova --26 anos— (esposa do rei Filipe III ) o que produce unha forte conmoción en toda a península; se engadimos a isto, a boa relación que a raíña tiña cos nobres galegos de Lemos e Altamira, e o seu parentesco directo co arcebispo de Santiago (curmán da raíña) daquel tempo, entenderemos que as honras fúnebres desta dama na nosa terra desen que falar. 
A Real Audiencia de Galicia, daquelas na cidade da Coruña, manda organizar unhas exequias especialmente solemnes e ostentosas. Ao tempo, convocouse unha especie de certame poético ( ao que se presentaron obras en latín , castelán e galego). Ao ano seguinte, imprimíronse baixo o título de “Relación de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria” que editou Ioan Gómez Tonel --crese que letrado da citada Audiencia-- responsable e organizador das mesmas.
Neste libro, D. Alonso Ordóñez das Seixas y Tobar publica unha composición poética co título de "Elegía española". Ao longo de vinte oitavas reais – estrofa italiana introducida na peninsula no Renacemento—glosa e lembra á boa da falecida D. Margarita.
Como mostra deixamos aquí unha das oitavas que reflicten a calidade estílistica do Señor, por aquelas, de San Paio.
"O dura y firme ley de los humanos,
estatuto que á todos nos ygualas
tratas las Choças de los Aldeanos
de la manera que las Regias Salas.
No distingues los flacos de los sanos,
ni el bajo paño, de las ricas galas,
que como varia turba de pescados
á caer en tu red vamos mezclados"
E non é que sexamos nós os que chufemos os versos do poeta; anos máis tarde Lope de Vega nunha especie de catálogo dos poetas do momento, na súa obra Laurel de Apolo ,fai mención expresa da obra de D. Alonso destacando a calidade da mesma. Lope de Vega escribe isto:
"Supla tan gran lugar pues le merece
de Don Alonso Ordóñez la eminencia,
pues con tanta virtud,nobleza y ciencia
las castellanas musas enriquece,
y tu, filosofía,
abraza en sus estudios la poesía,
probando, que sin ella
no es pluma la que escribe, sino estrella"

O cadro da Raíña Maragarita é de Bartolomé González y Serrano pintado no ano 1.609( Museo do Prado). Á dereita a reprodución facsimil da portada do libro citado de Gómez Tonel.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.