16/02/15

O Sport Club de Friol (II)

Aproveitando a fotografía dunha formación do equipo de fútbol da sociedade Sport-Club de Friol da que xa falamos noutra entrada, engadimos novos datos sobre a mesma. 
Se ben é certo que é o ano 1933 a data de autorización e posta en marcha oficial desta sociedade, hai que dicir que os primeiros pasos-- que están documentado grazas a Higinio.M.F.V-- déronse con anterioridade. De feito hai constancia da realización de diferentes asembleas nos veráns de 1930 e 1931 e en novembro de 1932; precisamente esta última tiña como obxecto --entre outros-- o de elaborar o proxecto de regulamento da sociedade para a súa posterior inscrición no rexistro provincial.

Destes primeiros anos temos noticias da celebración de enfrontamentos futbolísticos entre o equipo de Friol cos de outras localidades da provincia: co equipo Cultura F.C. de Taboada, e o C. F. de Baamonde no verán do ano 1930. Á confrontación deportiva engadíaselle a participación nas actividades festivas coas que coincidían os citados encontros. nas que non faltaban nin ágapes nin bailes, polo que se organizaban verdadeiras excursións festivas acompañando aos equipos. Hai que lembrar o perfil deportivo e cultural que tiñan a maioría deste tipo de sociedades que agromaron por toda Galicia no primeiro terzo do século XX (o libro  "Historia social do deporte en Galicia- 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa é unha máis que recomendable lectura para comprender en profundidade todo o relacionado coa práctica deportiva destes anos en Galicia)  
Xa por estas datas a sociedade friolesa contaba cun campo adaptado para a práctica do fútbol na Reigosa. De feito nas festas da Santa Isabel do ano 1931 (19 de xullo) celebrouse un partido contra o equipo de fútbol de Chantada, que serviu para inaugurar o campo deportivo ( nunha asemblea posterior a directiva do Sport-Club pon en coñecemento aos seus asociados dos actos vandálicos que sufriu o citado campo de Deportes ao que lle foron cortados a maioría das oitenta e catro moreiras plantadas pola sociedade no recinto).
A fotografía non sabemos exactamente cando foi tomada, pero inclinámonos a pensar que é bastante probable fose feita ese día polo simbólico do acto -- pero é unha mera conxectura que non podemos, de momento, acreditar ao cen por cen--
O partido celebrado na Reigosa contou coa aliñación inicial seguinte por parte do Sport-Club: Antonio López Díaz, Ángel Bóveda, Manolo Rodríguez, José Bóveda, Francisco Rodríguez, José Fernández, Celestino Fernández de la Vega ( con camisola branca), Luis Méndez, Manolo López Díaz, José Carballal e Santiago López   

4 comments:

Carricoba

Comentario achegado por H.M.F.V.
A aliñación que figura nesta entrada digamos que era a titular ou habitual, pero non coincide cos xogadores que defenderon as cores de Friol nesta ocasión, que intentaremos identificar na súa maioría.
De pé e de esquerda a dereita:
Os dous primeiros sonme descoñecidos; o 3º é José Fernádez Varela (Perillán), o 4º José Bóveda Ulloa (Pacheco), o 5º Higinio Fernández de la Vega Pardo, o 6ºAntonio López Díaz (Antonio do Rei ) e o 7º Xelo, nome da casa, do que non recordo nome nin apelidos.
Agachados, e tamén de esquerda a dereita:
O 1º descoñecido, o 2º con camiseta branca, Celestino Fernández de la Vega Pardo, o 3º, diante de Celestino, Manuel López Díaz ( Manolo do Rei) e o 4º Ángel Bóveda Ulloa.
Os que figuran como descoñecidos,case con toda seguridade , están entre os citados na aliñación titular.
O lugar onde están é o campo de fútbol, acabado de estrear da Reigosa. A camiseta era bicolor, laranxa e verde. Non sabemos a razón pola que Celestino non viste de uniforme.
A anécdota protagonizada por Celestino no campo de fútbol de Sobrado dos Monxes, que se recollía no meu comentario a entrada da Sociedade Recreativa Deportiva Cultural de Friol (ll), corresponde a esta época do Sport Club Friol.

Carricoba

Grazas Higinio pola achega.
Supoñemos que Antonio de Rei sería o pai de Luís do café.

Carricoba

Comentario achegado por H.M.F.V.
Efectivamente, Antonio do Rei era o pai de Luís do café, a quen temos que agradecer a achega da fotografía.
O de Rei víñalle do nome da casa de Friol de onde procedía.
Antonio e a súa muller, Elena, eran grandes cociñeiros.Recordo de Antonio, cando viña a Lugo, que visitaba con frecuencia, invitaba desinteresadamente a un bo viño acompañado de tamén bo marisco. Excelente relacións públicas, contaba con moitos amigos.

Carricoba

Graciñas de novo Higinio

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.