06/09/10

Romero M.Vázquez Varela: Un emigrante do Pacio

Casa do Fidalgo ( O Burgo de Negral)
Friol non escapou á dinámica migratoria dos galegos cara a América do último terzo do  século XIX e primeira metade do s. XX..
A familia de Horacio Vázquez do que falamos na entrada anterior, foi unha delas. Segundo relata, o seu avó nacera na Casa do Fidalgo no Burgo de Negral (O Pacio) e, a principios do s.XX, decidiu, xunto con outros irmáns, marchar para a Arxentina para tratar de calmar a fame, tan abondosa no noso país naqueles tempos.
Romero María Vázquez Varela,  casou – xa en Bos Aires—con outra veciña de Friol ( de San Cibrao da Pregación ) Aurora Alvite Gómez. Para Aurora, eran as súas segundas nupcias e case que obrigadas, pois o seu home –irmán de Romero—morrera vítima da tuberculose - "por xuntar e vender trapos recollidos da rúa", pois ese era o seu traballo, na capital arxentina.
Este Romero María era “motorman de tranvía—un traballo de primeira” estamos falando do primeiro terzo do s.XX, e, segundo conta o seu neto era “algo anarquista e revolucionario”, polo que “estaba máis na gaiola que no tranvía".
Foi fundador, ou cando menos dos primeiros socios, da sociedade "Hijos del Distrito de Friol",da que xa falamos en entradas pasadas.
Seguro que vítima da morriña volveu pasar os últimos anos da súa existencia á terra que o vira nacer, estando enterrado no cemiterio parroquial do Pacio.
Precisamente o contacto de Horacio Vázquez con nós está orixinado por ver de achar máis información sobre a Casa do Fidalgo.  

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.