Foi no ano 1.928, cando, en Bos Aires, bota a andar a sociedade "Hijos del Distrito de Friol" , da que xa falamos en entradas anteriores.
Sabemos que anteriormente funcionaba outra sociedade baixo o nome de "Hijos del Ayuntamiento de Friol". O que de momento descoñecemos é se a primeira citada absorbeu a esta ou se coexistiron as dúas; aínda que a sensación que temos é que esta desapareceu cando se creou a primeira citada.
O que si sabemos é que ámbalas dúas desenvolveron actividades semellantes, agás que "Hijos del Distrito de Friol" publicou a partir do ano 1932 un boletín informativo trimestral.
No ano 1920, no mes de abril, a prensa galega de Bos Aires, daba conta dunha función onde, auspiciada polos "Hijos del Ayuntamiento de Friol", representouse a obra "La careta verde", para posteriormente desenvolverse unha sesión de baile.
Actos semellantes ( bailes, música galega, competicións,... ) desenvolveu tamén a primeira das sociedades citadas.
Tendo como fontes de información, as publicacións periódicas de ultramar "El Heraldo Gallego" ( "Órgano de las Colectividades Gallegas en el Plata") , "El Correo de Galicia"( "Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina") e " El Pueblo Gallego" segundo reflicten as súas páxinas , estas actividades eran frecuentes.
Os "Hijos del Distrito de Friol" seguiron realizándoas ata a súa integración no "Centro Lucense de Bos Aires" no ano 1.943 como xa temos comentado.
As ilustracións que acompañan a esta entrada son:
A da esquerda: É a noticia publicada no xornal "El Heraldo Gallego" o 30 de decembro de 1.928 e na que se pormenorizan os actos a celebrar na festa do 6 de xaneiro seguinte.
A da dereita reflicte un anuncio na publicación quincenal "El Pueblo Gallego" , do 15 de agosto de 1.941,no que se recollen as actividades das diferentes Sociedades Galegas que, cun ritmo frenético, non paraban de programar festivais e diferentes actos, co fin de manter unidos aos veciños que, na diáspora, lembraban a unha terra que os vira marchar sen lles ter nada que ofrecer.

0 comments:
Publicar un comentario