No primeiro terzo do pasado século, moitos foron os galegos que colleron as súas maletas de madeira e se achegaron á Coruña ou a Vigo para embarcar "nun aleve e negreiro vapor"--que di a cantiga de Curros--, e atravesar o Atlántico para intentar cambiar un negro futuro que deixaban tras si, por unha vida, cando menos, un pouco máis levadeira.
A esa emigración americana non foi allea Friol, e así moitos dos seus fillos emprenderon o camiño da diáspora, que os levou a unha realidade descoñecida á que tiveron que se enfrontar cos seus escasos recursos.
Bos Aires acolleu a bo número de frioláns que, seguramente, para calmar a súa morriña, e dar de beber ás súas saudades, fundaron un "Centro friolés" na capital arxentina e mesmo chegaron a editar unha 'revista oficial' do seu centro.
A revista que levaba como cabeceira o aclaratorio "Friol" empezouse a publicar no ano 1932. Ao igual que as publicacións do seu xénero, recolle nas súas páxinas ecos de sociedade, novas, algunha creación literaria, e, ao tempo, recollía tamén algún estudo relacionado co concello que lle daba título e algún fragmento literario de escritores galegos de sona.
Neste número podemos ler as páxinas que, no seu estudo da xeografía galega, tiña dedicado a este concello D. Manuel Amor Meilán, e un par de poemas do mindoniense Leiras Pulpeiro.
A portada do número 7 da citada revista, de outubro de 1.934 , é a que ilustra esta entrada.
Agradecemos a Xosé Antón Sánchez, Tato, propietario do restaurante Papanduxo a achega deste material, do que eramos sabedores, pero que nunca tiveramos nas nosas mans.
0 comments:
Publicar un comentario