12/02/09

O Entroido en Friol ( I )

Achégase o Entroido, mellor dito xa está aquí. Hoxe é propiamente o "xoves de compadres". Certo que no noso concello realmente o ciclo festivo circunscríbese principalmente ao Domingo e ao Martes de Entroido.
Estas fotos de Valentín Roldán recollen uns momentos do Entroido celebrado en S. Pedro de Vilalvite ao principio dos anos oitenta.
Festa na que os disfraces xogaron sempre un papel esencial, onde o mundo volvíase do revés: Mulleres disfrazadas de homes, homes de mulleres, novos de vellos,... Farrapos vellos, palla, puchos, tisnar a cara, todo valía para cambiar a personalidade ,mesmo procuraban non falar para non seren recoñecidos. Ían polas casas facendo bo estarabouzo cos zocos de madeira, tarteiras vellas para facerse notar. Eran convidados a chourizos, a viño e , como non ! aos doces típicos do entroido friolés: chulas ( fritos), filloas, orellas,rosquiñas...
Cantos e bailes eran acompañamento necesario. Dependendo dos lugares había fogueiras, facían fachucos de palla anoados para lles dar con eles aos veciños, botábanse auga, no Seixón sei que levaban unha caixa cun meco dentro, a modo de enterro, e na mesma ían metendo o que os veciños lles daban. Non era raro que rematasen na casa dalgún veciño xogando ás cartas.
Agradecemoslle ao autor das fotografías a súa autorización para publicalas.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.