13/12/09

O carlismo en Friol ( e III )

Xa na terceira guerra (1872-1876)temos recollidos unha serie de feitos que expoñemos cronoloxicamente:
1 de marzo de 1873 : Mentres outras partidas carlistas da provincia esixen aos recadadores que cobren os impostos e lles entreguen a metade a eles; a de Guntín ( ao parecer capitaneada polo seu ex alcalde D. Gerónimo López ) esixiulle ao recadador de Friol que non cobrase a contribución “so pena del petróleo aplicado a su casa"
Unha das actividades que levaban a cabo as partidas era a de buscar fondos para cubrir os seus gastos (pagar aos seus membros, comida, pertrechos militares,...). Foi frecuente, así está documentado, a requisa das contribucións; iso si, deixando recibo dos cartos levados. Tamén a queima dos arquivos tanto municipais como xudiciais - estes por razóns obvias-- era outra das labores que efectuaban estas partidas.
25 de marzo de 1873: Nesta data recollen os xornais que parecen estar disoltas as partidas que percorrían as terras de Friol e Ribeiras de Piquín.
Esta información do "Eco de Lugo" estaba completamente errada pois ...
18 de abril de 1873 : "Unha partida de 20 homes ao mando de D. Isidro Parga,... desarmou ao oficial e destacamento dos Francos da República, en Cotá, utilizando unha camuflaxe: apareceron vestidos de soldados do exército enganando desta forma ás tropas" ( recollido do libro "O carlismo galego" de X.R. Barreiro).
Esta mesma partida debeu ser a responsable da seguinte acción:
17 de xuño de 1873: Unha partida entrou en Friol, levando os cartos da recadación e non só iso. Tamén levaron canda eles á muller do xuíz, a un cura que vivía con eles e á mestra da escola de Friol. Da muller do xuíz sóubose axiña a noticia da súa liberación. Supoñemos tamén breve o cativerio do cura maila mestra.
Parafraseando ao autor antes citado, rematamos coas accións desta partida de D. Isidro Parga, dicindo que "hai noticias doutras accións espectaculares desta partida, da cal perdemos a pista lamentablemente por falta de documentación".
Outra data a sinalar é :
6 de febreiro de 1874: Motín da veciñanza de Friol con motivo do sorteo de quintas. Queiman os documentos do arquivo municipal.
Unha das frontes do carlismo era a súa oposición ás quintas coa queima de rexistros e outros feitos máis ou menos simbólicos en contra do sistema de levas de mozos para o servizo no exército. Friol foi un dos lugares onde a propaganda carlista , xunto co malestar do campesiñado pola perda de brazos por mor de ir servir no exército, fixeron que se producise o motín antes citado.
Seguramente outras partidas con base ou apoio loxístico no mosteiro de Sobrado ( pensemos que este mosteiro foi dexaloxado polas forzas gubernativas e convertido en cuartel debido ao seu demostrado apoio ao carlismo), capitaneadas por Antonio María López e posteriormente por José Ramos, tiveron tamén presenza por terras friolesas, ao igual que unha partida dirixida polos irmáns Seoane citados por Mª F. Castroviejo , e sempre falando da primeira época do conflito (1833-40), pero nós carecemos de documentación ao respecto.
Non queremos rematar estas entradas, sen citar a valiosa aportación para este traballo da publicación do traballo "La exposición del Arcediano" por parte de D. Julio Reboredo Pazos xa citado na segunda entrada.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.