08/03/10

Da Restauración á Guerra Civil ( I )

Iniciamos aquí un repaso da vida municipal friolesa , no seu máis amplo senso, no que reflectiremos o devir do período que abarca dende os anos 70 do século XIX ata os inicios da Guerra Civil ( agosto do 1936)
Non pretende ser unha crónica histórica, senón, máis ben, un paseo que permita albiscar, ás veces, e contrastar, as máis delas, como era a vida dun concello en plena expansión demográfica (1) e que, a poucos, ía tomando conciencia de que os tempos mudaban.
A maioría dos contidos están obtidos dos xornais provinciais do momento, dos Boletíns Oficiais da Provincia e das actas das sesións do Concello–agradecemos ao Concello de Friol as facilidades dadas para a lectura das mesmas --
Para entendermos o que expoñemos a continuación, haberá que dicir que o sistema político da Restauración borbónica, estaba articulado para que fosen as maiorías dominantes as que exercesen o control do poder político, dependendo da cor do goberno do momento. A Constitución do 1876 e as posteriores leis que a desenvolveron facían un sistema-trampa no que o sufraxio non era universal – voto censatario-- a elección dos Senadores non era directa e a formación dos concellos –aínda que si había eleccións--, en última instancia estaba nas mans do Gobernador Civil, que podía –e facía uso—revogar as eleccións e nomear a quen el considerase oportuno. (2) É dicir: o campo estaba perfectamente deseñado para que a oligarquía controlase calquera movemento político discordante co que esixía no seu momento o guión.
Friol non escapaba a estes vaivéns, e desde a prensa provincial dábase conta das artimañas de uns e de outros por seren favorecidos no reparto do pastel.(3)Concello , Xulgado e Deputación Provincial, eran os elementos empregados para desenvolver unha dinámica de favores que permitirían manter o ‘status’ ao favorecedor a costa do favorecido. Un 'feedbak' perfecto. Por desgraza esta práctica non está erradicada en absoluto.

(1)Segundo o I.N.E no ano 1877 a poboación era de 8490 habitantes pasando aos 10.788 no ano 1930.
(2) Mesmo cando se reformaron as leis electorais e se introduciu o sufraxio universal-- 1890—había que entendelo como o dereito que tiñan os varóns maiores de 25 anos . Ben é certo que en Galicia ( Friol non era excepción) a participación nas votacións no rural non superaba o 20% do electorado con dereito a voto. (A muller non conquista este dereito ata a aprobación da Constitución de 1.931)
(3) Pensemos que eran un montón o número de cabeceiras que se editaban nestes tempos en Lugo , e cada unha tiña a súa liña ideolóxica , defendendo e atacando segundo fose preciso a uns ou a outros. Esta variedade permite uha mellor comprensión do que pasaba naqueles días.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.