Perfectamente visible co perímetro aínda perfectamente definido, do castro de Guldriz contan os máis vellos que lembran como no propio castro víanse claramente os restos das vivendas e os muros que defendían o recinto "e disto que haberá? corenta anos?". Máis tarde utilizouse toda esa pedra na construción de novas vivendas e valados e ese patrimonio perdeuse para sempre.
O que si que o tempo non deu conseguido facer desparecer son as historias e lendas que o castro xerou desde antigo.
Mesturando feitos reais cos lendarios temos noticia dos seguintes relatos que pasamos a expoñer a continuación :
"O que si é certo é que se atoparon moitas moedas. Cando levabamos o gando ata alí arriba, entre os toxos e a nada que removeses no 'suelo' aparecían moedas amarelas, non de ouro, non sei de que serían pero moedas téñoas vistas. Das outras cousas, de que se os mouros,... que as pitiñas... iso xa serán contos pero as moedas, aínda sei dalgunha persoa que seguro as ten" . O que así fala é Antonio da Casa De Mera citada na entrada anterior.
Outra historia fai referencia tamén aos cartos atopados no castro e din que un home atopou un saquete de moedas de ouro . Foi vendelas a Lugo e cos cartos mercou dous becerros. Non lle dixo nada a súa dona. Cando esta, despois de moito insistir, conseguiu que o home lle contase o sucedido, os becerriños apareceron mortos.
Contan tamén que "ao pé do castro había unha fonte onde de cando en vez aparecían uns pitiños cunha galiña pero cando os querías ver desparecían, non se sabe como" . Este relato xa o escoitamos e publicamos nunha entrada anterior relacionada coa parroquia de Cotá.
Núñez Jato e Rodríguez Varela no seu traballo citado noutra entrada, recolleron tamén estes dous:
"Un señor de S. Martiño de Condes chamado Cacharelo ía vender viño á rodela. Os veciños deste pagábanlle ben coas moedas que atopaban no castro. Con este negocio o Cacharelo medraba moito pero non podía dicir de onde lle viña o diñeiro. A súa muller estrañada co benestar que disfrutaban, pedíalle arreo explicacións ó marido. Tanto e tanto porfiou que un día o Cacharelo contoulle a verdade. A próxima vez que foi levar o viño ó Castro, os veciños dixéronlle:
-- Bueno home, dixeches de onde sacas ti os cartos pero como somos amigos, matar non te hemos matar pero temos que facerche sangue.
E cortáronlle dous dedos dunha man"
A segunda relata que "os veciños de Guldriz querían abrir a rodela porque pensaban que alí estaba a riqueza da parroquia. Dixéronllo ao cura e un bo día foron todos ata o Castro co cura diante. Ó chegar alí, o cura empezou a ler un libro e a terra abriuse, saíndo da greta toda clase de bichos, encantos, cabalos con pés de rodas, o demo cuns cornosmoi grandes e outras cousas. A xente berraba:
--Señor cura, mire, mire !
O cura mirou e quedou cego. toda a xente escapou, quedando só o cura que tivo que desler o que lera para poder saír de alí"
Contos vellos que se repite con pequenas variacións na nosa xeografía e que de xeración en xeración foron pasando de pais a fillos. Hoxe co risco de que todo este patrimonio quede no esquecemento, nós desde estas páxinas tratamos de fixar esta parte da nosa historia --real ou non que máis dá?-- para que os netos dos nosos netos non sexan uns desleigados e descoñezan a rica cultura que nos permitiu chegar a onde chegamos.
0 comments:
Publicar un comentario