23/05/10

Os Bóveda ( I ). D. José Bóveda Racamonde

Na parroquia de Vilafiz, concretamente en Gonce, hai unha casa ( a da fotografía)  que hoxe é coñecida pola Casa de Amadora, --os caseiros-pero que en realidade é propiedade dos Bóveda.
Falar dos Bóveda, en principio, é lembrar antigos mestres e mestras, é pensar na casa de Vilarmende -Trasmonte- e sobre todo na Casa Torre de Friol , hoxe en mans dun membro desa familia.
No xornal “El Regional” do luns, 19 de febreiro do ano1900, demos cunha noticia da que era, tristemente, o protagonista un Bóveda, e comezamos a tirar do fío.
D. José Bóveda Racamonde nacido no ano 1859, casou con Dª Dolores Villanueva Armesto – da casa de Acevedo,citada nas anteriores entradas—, era home afoutado, concelleiro en Friol na corporación presidida por D. Jacinto Rodríguez García e tiña dez fillos e a muller a punto de darlle outro cando ocorreu o luctuoso feito que nos ocupa.
Realmente, a vida desenvolvíaa na cidade de Lugo, cidade que abandonaba as fins de semana para cumprir coas súas obrigas municipais -- normalmente os plenos celebrábanse en sábado-- e familiares. Tiña por costume o achegarse ata Gonce nas tardiñas dos venres a onde chegaba despois dunha boa cabalgada ao lombo da súa besta ( aínda non estaba feita a estrada).
Era home non excesivamente ben querido nin polos veciños, nin pola súa familia política –neste caso por problemas coas partillas--, nin polos seus adversarios políticos.
Dentro das súas actividades, aparte das propias dun concelleiro, estaban as relacionadas coas quintas e o cobro dos chamados alcances dos repatriados de Cuba e Filipinas, e semella tamén que algunha influenza tiña na contratación de man de obra para a estrada Lugo-Friol que estaba en fase de construción.     
O 16 de febreiro de 1900, venres no que viña de volta para a súa casa, ao chegar preto do rego de Porto Raíz,  sobre as dez e media da noite, foi tiroteado morrendo ao día seguinte.
Destes feitos deu ampla cobertura o diario "El Regional" , non só do suceso, senón tamén do posterior xuízo ( febreiro de 1901) que declarou inocente ao único acusado do feito ( veciño do falecido e compañeiro de corporación).
Na próxima entrada, falaremos da versión da prensa e do que queda na memoria popular e material deste feito.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.