23/05/10

Os Bóveda (II) A cruz de Acevedo

D. José Bóveda foi collido por sorpresa un pouco antes do rego de Porto Raíz,sobre cincocentos metros — segundo a prensa local e as posteriores acusacións do avogado na familia-- por dous homes que lle dispararon cunha escopeta de dobre cano que –aducía a acusación— lle pedira o principal acusado a un seu coñecido.Os dous disparos foron seguidos e producidos pola mesma arma.
Na memoria popular a versión di que cada asaltante "levaba unha escopeta dun só cano, desas que había que cargar por arriba e que despois de facer un tiro habíaa que volver cargar" . Que primeiro disparou un e que non lle deu e que o Bóveda interpelárao, envalentonado, cun “non puideches comigo” –ou algo semellante, "pensando que só era un o atacante e que xa pasara o perigo. O que non sabía era que o esperaba outro un pouco máis adiante que si lle deu".
Na prensa faise alusión á chegada en estado lamentable –podemos imaxinar a situación—á casa de Acevedo onde foi auxiliado.
A memoria popular di que foi así, pero que os desta casa— cuñados do agredido—tiñan medo de que lles botasen a eles a culpa do ocorrido, "por non se levaren ben por culpa das partillas”. De feito marcharon rapidamente en busca do cura de Torible ( parroquia luguesa achegada ao lugar dos feitos) para que dalgúns xeito, fose testemuña en caso de posibles e futuras acusacións.
Posteriormente avisaron á muller do infortunado – da casa dos Bóveda en Gonce ata a de Acevedo haberá ao redor do quilómetro-- O finado antes de morrer fixo testamento facendo alusión directa ao acontecido e os seus culpables, cousa que despois no xuízo parece que de pouco serviu .
Non sabemos se son insinuacións ou acusacións pero “El Regional” critica como a pesar de ser avisadas as autoridades de Friol do feito, aínda non se presentaran no domicilio --falaban do domnigo á noite-- e no proceso deixábase entrever como algunha testemuña en vez de entregar algunha proba do delito no xulgado de Friol fixérao directamente no de Lugo.
Dáse a entender como que o suceso era produto dunha maquinación da que os acusados—en principio dous e despois un—eran só a man executora.
Non entramos nin saímos, os datos da prensa están na hemeroteca a disposición de quen queira profundar na cuestión, remataremos a entrada indicando que a súa viúva e os seus fillos colocaron unha cruz –A cruz de Acevedo—en memoria do suceso coa inscrición do nome do falecido e a data na que ocorreu.
Tempo adiante esa cruz foi tronzada ( non sabemos se por intento de roubo ou foron outras as  razóns). Os da casa de Acevedo recompuxérona tal e como podemos vela hoxe.
Hai quen lembra o feito como ocorrido no ano 1903, outros cren que a morte foi dun “antigo correxedor” .
O que si é certo é que quedaron dez fillos, algúns xa maiores -- verémolo na próxima entrada-- e unha viúva que máis tarde casou novamente cun veciño da chamada casa do Previsor do mesmo Gonce.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.