27/06/09

A presenza da serpe alada na mitoloxía galega

Nunha entrada anterior facíamos referencia á historia relacionada cunha serpe alada, que, como xa indicamos, é a segunda que recollemos no concello. Sentimos a necesidade de publicar algúns datos referentes á mitoloxía galega ao redor deste animal.
Xa no século IV, o poeta latino, Avieno, relata a invasión das terras galegas por un pobo, os saefes (serpes), que expulsan aos primitivos habitantes (oestrimnios). Estes saefes, son así nomeados polos romanos, por ser unha serpe o seu animal totémico. Así estes pobos serían os introdutores da serpe na nosa cultura.
Pola contra, algúns cren que o culto a este animal, en Galicia, é anterior - aseguran, con datos arqueolóxicos que así é-.
Nós non entramos na verdade ou falsidade destas afirmacións pois carecemos dos datos necesarios para entrar na polémica.
Dise das serpes que poden chegar a medir quilómetros; parecen poder medrar de xeito indefinido. Non hai que ir moi lonxe para darse de conta: A serpe que vivía na cova baixaba ata Miraz, sen embargo quedáballe a cola no seu agocho. E haiche unha boa distancia!. Ao ser de tamaño tan descomunal chegan a engulipar homes e pezas de gando para saciar a súa fame.
Precisamente as serpes máis vellas son ás que lles medran as ás, mesmo á algunha médranlle unhas patas que as converte nun dragón.
En Galicia, aparte das referencias do noso concello , en relación coas serpes aladas, temos na Pena do Castelo entre os concellos de Muras e Xermade (ámbolos dous na provincia de Lugo) un exemplo típico na lenda da "Cobra do Castelo"
No concello de Antas de Ulla e grazas a A Ulloa en fotos (boa coñecedera, por certo, dos petroglifos) sabemos dunha inscultura dunha serpe alada no monte dos Chaos no citado concello.
Non debemos esquecer tampouco, o feito de que a serpe , na mitoloxía cristiá é o animal capaz de expulsar do paraíso a Adan e Eva, co que, como se di en "A Serpe da cova" o desprestixio deste animal aínda perdura na actualidade.
Por último, hai que citar á Pedra da serpe de Gondomil, Corme, Ponteceso. Na fotografía ( tomada da páxina do citado concello) podemos observar á serpe coas súas ás , e riba dela unha cruz.
Coma sempre atopamos defensores de dúas teorías: uns consideran á serpe de feitura precristiá e á cruz algo posterior para cristianizar o lugar; e outros, pola contra, cren que todo o conxunto ten unha orixe moito máis achegada nos tempos ( fálase da Idade Media ou da época barroca). Sexa cal sexa a época , o feito é que aí está, soportando lendas que van sendo transmitidas de xeración en xeración. Como as que nós temos e tratamos de espallar desde estas páxinas.

3 comments:

A Ulloa en fotos

Vaia, eu que pensaba que ninguén estaba a ler os meus escritos sobre os petroglifos.

A "serpe de Chaos" mide uns dous metros de longo e gustaríame moito ver o calco dese gravado para saber exactamente que hai alí porque, o tema dos serpentiformes nos petroglifos, é moi controvertido.

Saúdos.

PD: por certo, instalei un corrector de galego pero sigo a meter a gamba...

Friol

Pois polo menos mostras interese que non é pouco e agradécese.
E todos metemos a "gamba" non te preocupes.
E con respecto aos petroglifos, claro que os leo e iso que estes últimos tempos andei algo enleado.

HADEX

Eu son da zona de Becerreá-Cervantes e alí tamén están as serpes...así lles teño eu un pánico antropolóxico de tanto oir falar delas de pequena....

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.