Sábese que moitos túmulos desapareceron por diversas razóns: prácticas agrícolas, trazados de pistas, ou vítimas de saqueos. Estes saqueos foron sistemáticos no S. XVII, cando o licenciado e sacerdote Vázquez de Orjas, señor do Couto de Recemil, recibe a Real Cédula de 1609, firmada por Filipe III, que o autorizaba a excavar as tumbas dos “xentiles y paganos galigrecos” para apoderarse do ouro que se cría que alí se gardaba, a cambio de que a coroa quedase cunha porcentaxe. Esa crenza da existencia de ouro, rodeada de maxia e lendas, tivo un amplo eco nas lendas locais, e considerábase que eses tesouros estaban encantados, e que se perdían se non se rescataban. A Real Cédula creou unha febre do ouro que animou a moitos labregos a abrir máis de 3.000 túmulos, iniciándose un longo episodio de innumerables xuízos, recompilados nun groso libro xudicial no que tamén hai referencias a pelexas, insultos, ameazas de forca, e anecdotarios varios de encontros sobrenaturais con seres míticos, supostos novos ricos e achados inverosímiles. (Véxase A. Martínez Salazar, “Sobre apertura de mámoas a principios del S. XVII”; tamén, sobre o proceso xudicial posterior á apertura de mámoas: Martinón-Torres e Rodríguez Casal).
Os exemplos que mostramos na foto seguen a tipoloxía común de medorra: túmulos en forma de casquete, de planta circular. Ámbalas dúas son fácilmente perceptibles na paisaxe, pero o tamaño difire. A medorra aberta de Monteirón é monumental (de feito, das máis grandes de Galicia: diámetro superior aos 50 m, cando a media é de cerca de 20 m). Na parte superior presenta unha forma de embude, o que se chama cono de violación (fotografía esquerda), claro síntoma de saqueo (non é de extrañar; o seu monumental tamaño facíaa apetecible aos ollos dos profanadores). Como dixemos nunha entrada anterior, forma parte dunha ruta arqueolóxica (Gándaras de Narla) e foi obxecto dunha limpeza da vexetación que a cubría.
A medorra da Reigosa está situada nun piñeiral á saída de Friol (estrada de Roimil), nas inmediacións do campo de fútbol, e no medio de dúas pistas forestais (fotografía dereita). O tamaño é sensiblemente inferior, máis acorde á media. Aparentemente parece intacta, aínda que é difícil determinar o seu estado por estar cuberta de piñeiros, que seguramente alteran o depósito. A vexetación circundante tamén impide facer unha análise máis detallada (presencia ou non de aneis basais de pedra, composición do túmulo…). Aínda que na fotografía non se aprecia, o seu perfil é moi nítido.
Para rematar, diremos que moitos autores fan fincapé na relación entre estes túmulos e camiños históricos (en case todos os casos, os túmulos que visitamos están rodeados de camiños) que no seu día serviron de tránsito para a explotación económica do territorio. Tampouco está claro se só tiveron función funeraria (individual ou colectiva: a acidez do solo galego impide a conservación de ósos), ou tamén delimitaban territorios e sinalizaban rutas.
2 comments:
Moi interesante a información sobre o megalitismo en Friol.
En canto a medorra da Reigosa forma parte dunha necrópolis, que se non foron destruídas, formaban unhas cinco medorras, que se extendían máis ou menos en linea recta en dirección noreste,medoña da Reigosa, suroeste, atravesando a estrada Friol-Parga.
A medorra da Reigosa, antes de que no terreo foran plantados pinos, tiña claros de qu fora saqueada, e podíase ver a punta dunha pedra do túmulo.
H.M. F. de la Vega
Fermosa e divulgativa entrada. Parabéns.
Publicar un comentario