As Gándaras de Narla están situadas preto de Vilapedre, entre as parroquias de Narla, Cotá e A Devesa. Destacan pola súa monumentalidade, pois trátase de mámoas excepcionalmente grandes, cun volume superior ós 2.000 metros cúbicos, cando a maioría das mámoas lucenses oscilan entre os 100 e 300 metros cúbicos. Á luz dos datos que na actualidade temos, na provincia de Lugo só tres exemplares máis acadan este tamaño: a mámoa de Rita en Cospeito, a de Monte Modorrón en Sarria, e a de Monte Madorra en Paradela. Este tamaño excepcional pódese deber ás características edáficas da base sobre as que están construídas, en solos profundos e ubicados en zonas sedimentarias de val aberto, pois hai túmulos, como os de Guldriz, que son necesariamente máis pequenos, ó estar asentados sobre a propia rocha, cun nivel edáfico case inexistente. Ademáis diso, as Gándaras de Narla son fácilmente visibles desde a paisaxe que as rodea. (Datos extraídos de "O Neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo". Actas do Coloquio Internacional de Santiago de Compostela, abril, 1996).
Xunto co dolmen da Muruxosa (Cotá) e as Medorras de Monteirón (Devesa), as Gándaras de Narla están en proceso de ser declaradas Ben de Interese Cultural e estase a acondicionar unha ruta arqueolóxica.
0 comments:
Publicar un comentario