26/02/09

Friol na emigración ( II )

O Centro friolés, foi un dos múltiples centros que os galegos foron creando polo mundo adiante. Fálase de que tan só na Arxentina chegaron a coexistir preto dos 300.
Poder enfrontarse aos problemas cotiáns, manter contacto entre os asociados e, como elemento aglutinador, publicar unha revista na que se reflectise as súas actividades, eran sen lugar a dúbidas, as características comúns a estes Centros.
Coa chegada dos exiliados galegos despois da guerra civil, dinamizáronse politica e culturalmente todos estes centros; o que provocou, á larga, a fusión de todas estas agrupacións comarcais.
Así no ano 1.943, o Centro friolés , xunto con outros once centros de emigrados de outros concellos da provincia, fundaron o Centro Lucense de Bos Aires , ao que se lle sumarían posteriormente outras cinco agrupacións. Celebrouse a unión cunha romaría na que interviu Afonso R. Castelao. Como non podía ser de outra maneira edita a revista "Lugo" pero isto xa é outra historia.
Ilustramos esta entrada coa folla da publicación "Friol" onde aparecen os membros da directiva que no ano 1.934 dirixían o Centro friolés. Seguramente os apelidos soan, e ao ler o listado evocan un pasado no que moitos tiveron que deixar o seu país para intentar unha vida mellor.
Hoxe, e dado que as correntes migratorias están dirixidas cara ás nosas terras, deberiamos facer unha pequena reflexión diante das actitudes xenófobas mantidas por algúns, e lembrar un pasado, non tan afastado de nós, no que noutros lares acolléronnos cos brazos abertos e seguramente cunha actitude máis comprensiva ca que algún sector de poboación manifesta na actualidade cos emigrantes que chegan ao noso país.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.