12/04/14

Foliada Friolense ( I )

Hoxe, dentro das "2ª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural" de Carballo, desenvolveuse unha actividade baixo o título: "Lembranza do que foi Foliada Friolense" que, da man de Pepita Regueiro, contou cunha exposición sobre a historia desta asociación e a interpretación dunhas pezas musicais recollidas nos anos noventa no Albeiro.
A fins dos setenta e principios dos oitenta do pasado século, a escola galega era un fervedoiro de ideas a prol da recuperación de todo o que significase cultura tradicional e apoio indiscutible á presenza da lingua galega no currículo educativo.
O Colexio de Friol non quedou á marxe desta forte ondada vindicativa e enlazando o propiamente académico e o lúdico, puxo en marcha unha actividade que a partir do estudo pormenorizado do ciclo festivo anual chegou a concretarse na creación dunha asociación cultural de estudo e recuperación das tradicións , usos e costumes frioleses. Nace así Foliada Friolense.
Seguindo o publicado por Pepita Regueiro no Programa de Festas de Santa Isabel do ano 1989, “no outono de 1986 xorde (…) a idea de fomentar a creación (no centro escolar) dunha aula de Música e Danzas, como actividade extraescolar…” coa mesma, contrátanse dous profesores e comeza a compra do material musical necesario".
A actividade leva canda si a creación dunha asociación que lle dea amparo legal; deste xeito legalízase "Foliada Friolense" en xullo do ano 1988, presidida polo director do centro escolar Carlos Veiga. O nome é proposto polo alumnado da daquela segunda etapa de EXB (6º,7º e 8º) o equivalente aos primeiros anos da actual ESO.
O obxectivo desta asociación, seguimos a Pepita Regueiro, era “ fomentar o desenvolvemento cultural,preferentemente de ámbito galego,coa meirande proxección social posible, estando aberta a todo tipo de suxestións encamiñadas ao progreso cultural e social”.
Ata aquí a presentación. Do traballo desenvolto hai que dicir que propulsou unha dinámica de investigación de todo o relacionado coa cultura tradicional, facendo especial fincapé no musical e na literatura popular de tradición oral. Este traballo achegou moitísimo material que foi publicado no xornal escolar “Lume Novo”-- aquilo que tiña que ver coa oralidade— e a recolleita musical servía de base para as clases e posteriores actuacións do grupo.
No programa de festas antes citado, fálase de setenta e sete rapaces e rapazas de diferentes idades que participaban como alumnado desta asociación e recóllese tamén o número de asociados que eran 59 – dato do ano 1989--. Isto reflicte a implicación activa das familias, eixo fundamental para o desenvolvemento das actividades.
Participar nas festas das distintas parroquias e, por suposto, nas da vila, ir cantar os reis por diferentes aldeas, realizar intercambios con agrupacións semellantes de outros concellos ( Cospeito por exemplo), bailar nos festivais en lugares tan distintos e distantes como Noia, A Fonsagrada, Portomarín, Triacastela,… formaban parte da axenda de traballo de Foliada.
Non se pode esquecer as múltiples viaxes culturais: Cataluña, Asturias, Cantabria, Santiago, Santa Tegra, Muxía,…No ano 1993 afrontaron o Camiño de Santiago, a pé desde O Cebreiro.
Desde a asociación e sempre en colaboración co centro escolar realizáronse tamén mostras de artesanía local e de aparellos de labranza. Por último xa a fins de século achegáronse á Emisora da Ser en Lugo para participar nos programa para escolares convocados pola mesma (aquí deixamos o enlace para escoitar as gravacións dos mesmos)
Meses atrás, coa entrega dos instrumentos musicais (de percusión) da Asociación ao centro escolar “Dr. López Suárez” dáse por extinta a mesma e desde este caderno queremos deixar constancia do que foi un traballo recuperador, enriquecedor e divulgador do patrimonio cultural e artístico do concello.
De feito, sirva esta entrada coma homenaxe a un labor intenso do que seguramente moitos e moitas dos que leades isto teredes boas lembranzas e seguro cousas que achegar, comentar e mesmo discutir.
Na próxima entrada deixaremos unha pequena montaxe videográfica que quede como testemuño do que foi “Foliada Friolense

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.