Un novo proxecto da man de Carballo Vivo ten previsto botarse a andar o próximo sábado día 18 de novembro. Co título de "Algo máis que pan e queixo" iníciase o que pretende ser unha serie continuada de visitas guiadas polas diferentes parroquias do concello.
Como por algún lado había que comezar, escolleuse Anafreita como primeira parroquia a visitar.
A actividade consiste nunha andaina que nos permitirá coñecer ou recoñecer os diferentes elementos significativos que conforman o conxunto da parroquia visitada. Aquí entran elementos arquitectónicos, medio natural, tradición oral, historia,... en resume un paseo para recoñecer o valor patrimonial material e inmaterial que cada lugar nos ofreza.
A idea final é recoller todas, as seguras, achegas e poñelas a dispor de toda a veciñanza, a través de reportaxes gráficas, escritas, sonoras ou audivisuais, (irase vendo) que condensen todo o que de interese tiremos da visita.
O resultado final quedaría publicado neste blog que inicia así unha nova etapa na que pretende seguir fiel aos principios do proxecto que deu pé a esta publicación alá polo ano 2008.
Só queda animar a quen se queira animar a facer a Ruta que como indica o cartel será este sábado 18 de novembro pola mañá.
0 comments:
Publicar un comentario