O retablo central está dividido en tres rúas, a central con oco único e as laterais con dous ocos superpostos. A factura do retablo parécenos dunha obra tardía, do S. XIX, pero con claros ecos barrocos do século anterior. Nel observamos unha mestura de elementos barrocos con detalles que son máis propios do eclecticismo do S. XIX, nos que se conxugaban elementos do pasado coa contemporaneidade. Ás veces con éxito (o eclecticismo en si mesmo era tamén unha xenialidade creativa), outras sen el, dando lugar a unha obra fallida e pouco crible, como é o caso deste retablo, que non responde a unha obra nacida da creatividade, senon da copia de modelos coñecidos. É dicir, o retablo parécenos froito dun taller que aprendeu o seu oficio para cubrir demandas locais, pero carente dun selo diferenciador, creativo, e propio de quen entende a Arte como unha actividade que tamén é intelectual.
Con isto non queremos dicir que careza de valor e que haxa que queimalo. Ó contrario. A peza ten un valor en si mesma polo que nos conta, e debería ser restaurada e exhibida con orgullo. Forma parte da nosa historia e contribúe a reconstruila e entedela. Non é unha peza que teñamos que desprezar: é unha peza histórica.
Os elementos barrocos que apreciamos son as columnas centrais e certos detalles decorativos. As dúas columnas que enmarcan a fornela central son salomónicas, con acios de uvas petiscadas por pombas. Exemplos semellantes vémolos en Carlín, dos que xa fixemos un amplo análise, pero sen o mesmo vigor expresivo. Tamén son máis esveltas, como se se adecuaran ó rigor academicista que se vai impoñendo desde finais do S. XVIII. Pola súa esveltez tamén nos remiten ás xa analizadas en Miraz, máis tardías que as de Carlín, pero tamén de calidade.
Outros elementos barrocos son os motivos decorativos de sartas de froitas (nacidas da escola de Andrade) que enmarcan as fornelas laterais (terzo superior). Estas tamén aparecían en Carlín, pero cunha calidade claramente superior.
Que detalles nos fan pensar nunha obra posterior, do S. XIX? Pois non só a visión de conxunto (sen movemento en planta e sen efectividade visual), senon os remates superiores de liñas rectas: frontóns triungulares para as rúas laterais, ático na central, e sen ningunha unión entre elas, cunha disonancia absoluta no perfil de liñas. No barroco era habitual unha unión con formas curvas e contracurvas en tensión, con elementos efectistas como as volutas, que introducían sensación visual de movemento e vigor expresivo, pero que á vez creaban un conxunto harmonioso. Aquí, en cambio, a disonancia dos remates superiores das tres rúas son evidentes e non teñen ningún sentido.
Tamén, as nosas sospeitas de obra tardía, vémolas en pequenos detalles, como eses pequenos pináculos de perfil recto (curvo no barroco) que coroan o ático central. Ou a basa da fornela central, en rectángulos de recheo que flanquean o sagrario, que xa non ten o tratamento de protagonismo decorativo que tiña no barroco. Case parece unha exposición de materiais de cores diversas por encher cando non se nos ocorre que poñer.
Con todo, repetimos, debe ser restaurado e exhibido co orgullo de ser peza histórica.
0 comments:
Publicar un comentario