A igrexa de Santa María de Silvela é
un exemplo máis da enorme difusión da arquitectura románica no rural.
Esta enorme actividade construtora concentrouse durante a segunda metade
do S. XII e primeiros anos do S. XIII, datas nas que se debeu realizar a
igrexa que nos ocupa, hoxe moi transformada pero con visibles trazas
románicas no interior.
Se ben a construción da catedral de Santiago debeu ser un impulso
importante na formación de canteiros, e polo tanto, na difusión do
románico, a fórmula máis repetida no rural tende a ser o máis económica
posible desde o punto de vista construtivo. Deste xeito, os grupos de
canteiros da época repiten receitas eficaces e simples, sendo a máis
habitual a de nave única con cabeceira rectangular, como é o caso de
Santa María de Silvela. Esta simplicidade arquitectónica non esixe máis
cuberta que a de madeira a dúas augas. Esta fórmula ten os seus
antecedentes en exemplos prerrománicos ou do románico inicial, como
Santo Antoliño de Toques, e tivo tanto éxito que é o que se repite en
dous terzos das igrexas románicas galegas.
O exterior debeu sufrir profundas transformacións, pois xa non son
perceptibles as trazas románicas. Non conserva ningún resto no exterior
de figuración ou de canzorros. A austeridade decorativa predomina na
actual fábrica, de corte planimétrico e acorde con gustos académicos
(Neoclasicistas) que arrasaron coa liberdade creativa de séculos
anteriores. A portada principal é rectangular e con enmarque liso,
acorde cos postulados académicos de finais do XVIII e do S. XIX. A
fachada remata en peineta de dobre van con pináculos superiores de ecos
barrocos.
É probable que moitas destas igrexas, dada a nosa climatoloxía, tiveran
primitivos pórticos de madeira que se perderon.
Para salvar o desnivel de terreo, o acceso ao interior da igrexa desde a
portada principal, resólvese con tres peldaños no interior.
Pallares Méndez ("El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo
monástico en la Galicia medieval", A Coruña, 1979, páx.207, nota
53) recolle o dato de que a igrexa de Silvela é adquirida polo mosteiro
de Sobrado no seu apoxeo (1160-1220). Tamén figura nos Tumbos do
mosterio de Sobrado en diversas doacións e vendas en favor de dito
mosteiro (recollido por Elena Varela Arias, en "Igrexas románicas de
la provincia de Lugo. Papeletas arqueológicas).
0 comments:
Publicar un comentario