03/05/15

As cruces de maio: un costume perdido?

Chegou maio e canda el, no noso concello, a romaría do San Benito do Carballo; precisamente falando desta celebración chegou a nós o coñecemento dun ritual que algún dos nosos veciños asóciano ao propio tres de maio –día da romaría— e outros de xeito impreciso ao mes de maio pero sen poder indicar data exacta, nin se a había.
É coñecido, dentro do ciclo festivo tradicional, o denominado “ciclo de maio” que en principio lévanos a lembrar as festas dos maios celebradas o día un ou tres deste mes que, sobre todo, nas provincias de Ourense e Pontevedra gozan de sona e tradición.
Pois ben, este ciclo festivo, seguindo a Clodio González Pérez, comezaría xa a mediados do mes de abril e continuaría ata os primeiros días de xuño. A orixe das celebracións para algúns pérdese na noite dos tempos e para outros estaría máis relacionada co mundo clásico latino. En calquera dos casos mantense presente e, nos casos dos que imos falar, é o resultado do sincretismo que a relixión católica foi facendo das antigas festividades rituais.
Existe constancia de rituais agrarios que en época romana e coincidindo co 25 de abril levábanse a cabo na honra da deidade, Robigo, protectora dos cereais e encargada de evitar parasitos e mofo que impedisen o seu crecemento –as chamadas Robigalia-- nos que se procedía a diferentes cerimonias protectoras dos cultivos que unha vez cristianizados convertéronse nunha especie de bendición dos campos.
Aínda hoxe, no concello, trasladada a honra ao San Marcos celébrase na capela da Freiría (O Carballo) unha minguada romaría con procesión ritual ao redor dun cruceiro improvisado para a ocasión. Lembran os veciños unha festa á que se achegaban dous carros –un deles de Higinio “Pallota”—con algo de bebida e comida ata o lugar, e mesmo levábase orquestra. Este ano pouco máis de vinte persoas se xuntaron o domingo 26 para a dita celebración.
Rematado abril, o 3 de maio ( que na antiga Roma era o derradeiro día das Floralia, festas dedicadas á deusa Flora) que en Carballo na actualidade está monopolizado polo San Benito de Palermo, era o día no que se adoitaba colocar nos campos de cereal, predominantemente centeo, unha cruz no medio das leiras feita de sabugueiro (sambucus nigra) e colocada a mesma sobre unha vara da mesma árbore, para que fose vista aínda despois de medrar o cultivo. A mesma era recollida ao tempo de recoller o cereal. Hai quen lembra que tamén se empregaban ramalliños de oliveira –en Carballo habíaa en Guntín e na Fraga— Hoxe é un costume perdido pero veciños e veciñas das parroquias de Condes, Carballo e Xiá lembran da súa nenez e mocidade. Mesmo hai –como xa dixemos-- quen a asocia ao día de San Benito:“acordo ao meu pai deixar do día anterior preparadas as cruces, e antes de marchare ao San Benito, ir aos campos colocar as cruces”.
O 3 de maio nalgunhas zonas de Galicia aínda se celebra a festa da Invención da Santa Cruz e queda a citada data recollida no noso refraneiro:
 “Pola Santa Cruz de maio 
pastores deixade o gado.
 Se non o quereis deixar 
ide con el todo o ano" 
Recollido en Donís (Cervantes) fai referencia a que por estas datas os veciños comezaban a subir o gando ás malladas da Serra dos Ancares.
A fotografía que ilustra a entrada é recollida do libro "Festividades Cíclicas em Portugal" de Ernesto Veiga de Oliveira por non termos outra referencia gráfica e aínda que reflicte unha cruz de flores a súa intencionalidade ritual é a mesma da que falamos nesta entrada. En concreto a fotografía foi tomada en Condeixa no distrito de Coimbra.

2 comments:

Gonzo

Excelente artigo, noraboa unha vez máis. Efectivamente a Festa dos Maios pérdese no océano dos nosos tempos, Maio vén da deusa grega Maia (deusa da Primavera e da Fecundidade) nai do deus Hermes, en: http://anosahistoria.blogspot.com.es/2015/03/lares-viales-os-deuses-dos-caminos.html, falamos sobre eles.

Carricoba

Grazas e, sobre todo, grazas por nos seguir.
Para traballo o voso. Quen queira coñecelo, aínda que o temos enlazado no blog, aquí deixamos o enlace. Paga a pena!
A nosa Historia
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.