02/10/10

O muíño dos Rosón

Preparando a camiñada que imos realizar cos alumnos de 1º de E.S.O. en datas próximas que sairá do Campo da Torre para chegar á Torre de San Paio, empregando os vellos camiños --restos de calzadas romanas, variantes do Camiño Primitivo,...-- preto xa da Castronela, pasamos ao pé do muíño dos Rosón.
Este muíño, segundo Paquita Abuín --rexedora do Museo de San Paio--, gozaba de sona en toda a contorna por ser lugar de encontro por excelencia. O muiñeiro que lles levaba o muíño á familia dos Rosón -con casa en Lousende-- era home galante e gran narrador. Mulleres e homes, por razóns ben distintitas, achegábanse ata alí coa seguridade de pasar un tempo divertido naqueles anos nos que á fame non se  podía enganala cos trebellos electrónicos dos que hoxe dispomos.
Estes Rosón dos que xa falamos noutras entradas  --os herdeiros-- acabaron desfacéndose de todas as súas propiedades quedando como testemuña na toponimia local este muíño, hoxe en desuso, e a pontella que leva tamén o mesmo nome.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.