28/02/15

Jesús Rodríguez: Unha homenaxe merecida

Hoxe pola tarde no Centro de Convivencia Maruxa Mallo de Lugo, tivo lugar o acto no que se levou a cabo o nomeamento de Suso Rodríguez como colexiado de honra do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Ceesga.
Nun acto público presidido polos colexiados de honra da citada organización, Ana Iglesias, Xosé M. Cid e Mariló Candedo,  foille entregada a acreditación de tan merecido premio.
Cremos que non é necesario abondar na cantidade de proxectos, nin citar as múltiples responsabilidades asumidas tanto no eido profesional como social por parte deste chairego de Cabreiros, con vinculación afectiva ( e non só) con estas terras friolesas.
Falar da  Facultade de Ciencias de Educación, de Nova Escola Galega, da Revista Galega de Educación, da Asociación de Veciños de  Cabreiros (Xermade), e desde a súa creación na que tivo parte activa, de Carballo Vivo,... é falar de Suso; dunha persoa chea de ideas, de actividade, puro dinamismo, cheo dunha desbordante paixón que contaxia  por todo aquilo que propón e que considera importante no seu compromiso de facer País.
Dicíase na presentación do acto que era quen de enredarse en calquera silveira pedagóxica, e seguro que é certo, pero como ben quedou demostrado no resto do emotivo acto, este interese pedagóxico transcende ata o social e fai que sexa un verdadeiro e entusiasta activista da ruralidade.
O seu dinamismo e as súas inquedanzas que hoxe foron motivo de agasallo serán, non o dubidamos, motor para continuar cun camiño iniciado hai moito tempo.
Os nosos parabéns!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.