28/11/23

Viva Friol !

Ponte romana de Lugo a principios do s XX
O instalarse no Lugo extramuros (que se dicía entón) por parte; dalgúns veciños e veciñas de orixe friolesa que preferían o arrimo da capital ás leiras do seu lugar, era algo frecuente que aínda segue producíndose na actualidade.
No século XIX, unha das entradas á cidade amurallada facíase pola, chamada hoxe, Estrada vella de Santiago que desembocaba na ponte romana; para subir despois ata a Porta de Santiago e entrar no centro histórico.
No barrio da Ponte deberon de asentarse algúns frioleses ( chamounos a atención, no seu momento, como veciños deste barrio vello lugués acudían ao san Benito de Carballo con asiduidade o que nos daba pé para intuír a presenza dalguén de Friol que animase a participar na citada romaría).
Relacionado coa presenza de frioleses no barrio da Ponte e o fielato existente na entrada da ponte romana vai esta entrada.
Antigo fielato nunha das portas da muralla romana de Lugo

Pero que eran os fielatos
Os concellos, xa desde moi atrás buscaron o xeito de se financiar a través do cobro de arbitrios, taxas, impostos... que no Antigo Réxime denominábanse alcabalas e que a partir da segunda metade do século XIX (1845) empezaron a chamarse consumos e que eran cobrados nos chamados fielatos que baixo o rimbombante nome de "Estacións sanitaria de abastos" situábanse nas entradas das cidades e vilas a xeito de alfándega e nos que aqueles que traían determinadas mercadorías tiñan que abonar as correspondentes taxas.
Carne, ovos, leite, gando, peixe, viños, aceite, xabón, trigo, panos,.. estaban sometidos a tributo, mentres que outros estaban exentos como era o caso do carbón vexetal e a leña con destino á industria; os cereais, grans e legumes secos, destinados á sementeira; os aceites medicinais e os olorosos obxectos do comercio de perfumaría; tamén os alcoholes e augardentes destinadas ó encabezamento dos viños e á fabricación de licores e bebidas espirituosas...
O nome de fielatos, precisamente provén dos fieis das balanzas que había nas citadas casetas para realizar a pesada dos produtos que traían canda si os que entrar querían na cidade.
Moitos foron os desencontros entre os produtores e os consumeiros ( persoal dos fielatos encargado do control).
Graves foron os enfrontamentos ocorridos en Ourense no ano 1892, ou o máis grave aínda producido no mesmo ano na cidade de Pontevedra.
Episodios de menor entidade eran o pan de cada día: fronte ao interese dos consumeiros por rexistrar as mercadorías entrantes, xurdíu a picaresca daqueles que querían introducir de "matute" os produtos e así evitar o imposto correspondente.
Por suposto isto viuse reflectido na literatura popular do momento: os contos de Avelino Rodríguez Elías recollidos no seu "Contos do turreiro" titulados O estudante matuteiro e A carne de porco (1921); ou coplas como:
"Una señora formal
compró un conejo barato 
y al pasar por el fielato
lo escondió en el delantal”.
Estes fielatos estiveron en plena vixencia ata 1912, ano no que foron abolidos por Canalejas.
De todas formas continuaron coa súa función os anos sesenta (en Lugo encontramos que no ano 1957 "se aprueba adquisición de muebles para las nuevas oficinas del fielato central que está instalado en el Campo de la Feria" sinal de que seguían funcionando).
En resumo: aqueles pequenos edificios alfandegueiros controlaron o paso dos xéneros desde 1845, en tempos de Isabel II, cando se implantou o imposto de consumos dentro da reforma tributaria levada a cabo polo Ministerio de Facenda, ata o comezo da década dos sesenta do século XX.
Feira de san Froilán, 1954


Imos ao gran
A noite do catro de outubro ( reparemos que o día seguinte era o día da feira do san Froilán en Lugo) de 1885, chegaron ao fielato da Ponte Vella catro xinetes da cabalo resistíndose a seren rexistrados polos consumeiros,... co conseguinte balbordo que serviu de chamada á veciñanza próxima.
Os consumeiros víronse ameazados polos gritos e voces que procedían do xentío:  
¡Viva Friol !
Si hubiera otros cuatro como vosotros, 
esos pillos, irían de cabeza al río !
As voces parecían proceder da boca de Rafaela Pacios que xunto co seu home José Lópezforon denunciados polos consumeiros á xustiza local.Ao final o caso quedou en nada por falta de probas inequívocas. (A noticia do xuízo pode lerse nesta ligazón).

Notas:
As ilustracións son
1 Ponte romana dunha colección de postais antigas
2 Collida da rede
3 Fotografía de JL Vega . Arquivo Histórico Provincial de Lugo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.