15/11/23

Os espigueiros: Historias de San Miguel

Andabamos detrás desta publicación dende hai tempo; por fin chegou as nosas mans.

Seguimos dende hai moito o blog Os espigueiros (1) que temos ligado na nosa páxina que recolle historias do pasado da parroquia barreirense de S. Miguel de Reinante.

De sempre estivemos interesados nesta parroquia da xeografía mariñá, pois aí foi onde tivemos o noso primeiro contacto ( e que contacto!) co ensino público; con grandes compañeiros e compañeiras e mellor alumnado, se cabe. Aí aprendemos moito, ou se acaso, aí aprendemos a aprender todo o que nos faltaba para chegarmos a ser mestres. Din que aprendiz de moito mestre de nada... Aí andamos. 

O caso é que desde ese blog implicouse á veciñanza nun proxecto de recuperación da memoria posta en valor da mesma e dinamización da vida local. Soa próximo.

Deste xeito foi como aos poucos xuntaron material de abondo que acabou sendo publicado en papel este ano.

Éxito da veciñanza, éxito dos promotores da iniciativa, éxito da investigación levada a cabo polo equipo.

Recóllense historias que van desde as orixes ata un estudo pormenorizado da toponimia parroquial; desde os mercados aos pazos; das esfollas ao reparto dos montes comunais; non podía faltar tampouco a emigración a Cuba, as sociedades de agricultores, as escolas, ... 


E claro, falando de S. Miguel non pode faltar a cita co Iberia C.F. e moito menos coa sociedade folclórica “O Arco da Vella” que desde finais dos setenta leva traballado arreo no ámbito cultural, sendo alma e motor dos Festivais folclóricos internacionais do emigrante que ano tras ano dende os primeiros oitenta celebraban cada agosto na praza do Souto.

Desde esta páxina felicitar e animar a esta colectividade para seguir na procura de historias que vaian completando, aos poucos, o pasado de S Miguel.

Un bo exemplo a seguir.

Notas
As fotografías
1 Portada e contraportada do libro
2 Praza do Souto
3 Cartel do XXXIX Festival
(1) Lembrar que espigueiros eran os antigos veciños e veciñas que recollían espigas para vender e comprar para comer.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.