30/04/17

Un merecido recoñecemento

Alá polo ano 1934 –oitenta e tres anos atrás- catorce dos docentes destinados no concello de Friol propuxéronse e conseguiron levar adiante unha proposta –daquela—completamente innovadora: levar o alumnado ao mar.
Foi durante a II República cando agromaron cantidade de iniciativas escolares semellantes á que nos ocupa, inspiradas na filosofía que presidía a Institución Libre de Enseñanza.
Pois ben, o alumnado das escolas de Carballo, Xiá, Roimil-Nodar, e da Covariza-Silvela, 28 en total, marcharon un 6 de xuño de 1934 camiño do Ferrol --aínda non era do funeralísimo-- na que case con seguridade foi a primeira excursión escolar programada neste concello.
Ver o mar, visitar os arsenais e estaleiros, subir a un acoirazado, sucar o mar ferrolán nunha pequena embarcación a vapor... ( gustaríanos ver as caras dos discentes neste bautizo mariño: seguro que os seus ollos reflectirían por igual alegría e abraio, satisfacción e temor).
Completouse a xornada cunha comida realizada nas cantinas escolares que funcionaban daquela en moitas localidades; coa asistencia --seguro que tamén primeiriza-- á proxección dunha película no Teatro Jofre, para posteriormente cear no hotel Concepción Arenal  e poñer rumbo cara a Friol ás últimas horas da tarde. Se somos quen de situármonos no primeiro terzo de século XX, podemos imaxinar as dificultades organizativas que seguro tivo que afrontar a organización da excursión: recollida do alumnado ao punto de partida, solventar as dúbidas familiares, horario de chegada, medos, seguro que algunha crítica máis ou menos agachada… e se a isto lle engadimos as deficitarias infraestruturas viarias e os medios de comunicación dispoñibles, non podemos máis que recoñecer a valentía e afouteza que amosaron este grupo de mestres decididos a emprender unha verdadeira odisea coa fin de que o coñecemento do mar fose algo máis cá cor azul dos atlas escolares.
Á fronte da expedición ían Dª Vicenta Puga Castro, mestra de Xiá,  Dª Elena Refojo Freire ( Carballo), Emiliano Manrique Gallardo ( Covariza, Silvela) e Luís Ángel Lafoz López (Roimil-Nodar). Do resto de docentes podemos facer conxecturas pero non sabemos con seguridade quen participou.
Con esta entrada queremos manifestar o noso máis que merecido recoñecemento a este grupo de comprometidas mestras e mestres que foron quen de xerar ilusión por estas terras en tempos ben difíciles.

Nota: As fotografías que ilustran a entrada de esquerda a dereita son do Teatro Jofre, da antiga escola de Xiá e do acoirazado visitado polo alumnado

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.