15 marzo 2010

Friol 1936-1939: de novo o medo.

Unha vez máis, o medo marcou a unha xeración enteira:pechando bocas, evitando pensar... e a pesar de todo... pensando. Pensando como non sufrir... e aínda así sufrindo. Houbo unha xeración que non coñeceu a xustiza, coa que se pretendeu pasar páxina e aquí... non pasou nada. Pero a dor, a dor profunda e colectiva, hérdase.
Proba disto é a dificultade, non para lembrar, senón para pórlle palabras ó vivido, e cando se buscan palabras, búscase e rebúscase como evitar nomes, detalles, lugares... incluso falando desde o anonimato. É o medo quen fala.
Unha alumna de 4º de ESO de Friol, Sandra Ascariz Espiñeira, recolleu unha testemuña dun home de 81 anos de Cancela-Condes, que prefire non dar o seu nome. Con todo, proporcionounos dúas fotografías nas que aparece o seu sogro Vicente, e polo visto testemuña orixinal de moitas historias aquí recollidas. Na fotografía esquerda, Vicente aparece pouco antes de ir á guerra. Na fotografía dereita, Vicente está no medio de Daniel e Pedro (cuñados entre eles). A continuación resumimos o que este informante conta:
Da escaseza: "Había que dar relación do que se colleitaba e das persoas que integraban a familia... Con arreglo a isto tíñase que apuntar a un cupo forzoso. Había racionamento de todo. Daban un cartón de tabaco con 12 números, correspondentes ós meses do ano".
Perseguidos: "Uns falanxistas ían en busca dun home de esquerdas que se agachou nunha cheminea dunha lareira en Vilamaior de Negral. Foi visto por un dos falanxistas, que pese a todo, calou. Outro home foi perseguido en Miraz. Ocultouse nunha morea de herba, pero foi descuberto e alí o mataron. Outro agachouse nun castiñeiro oco en Xulacasa.
Os fuxidos, ó non ter que comer, roubaban nas casas e eran perseguidos pola Garda Civil. Moitos fuxidos de outras parroquias atoparon refuxio na casa do estanqueiro de San Martiño de Condes.
En Friol creouse un temido grupo da Falanxe que, acompañados pola Garda Civil, perseguiron a todos os fichados de esquerda. Un día, na feira de Friol, un veciño criticou ós de dereitas. Era de Cancela-Condes. Cando estaba mallando avisárono de que viña a Garda Civil por el. Conseguiu fuxir, pero colleron a súa muller, que foi presionada para que delatara ó home, pero non o conseguiron. Na súa casa, baixo unhas táboas, gardaban unha escopeta. O fillo, de 5 anos, indicoulles onde estaba e foi requisada. O home estivo fuxido ata que o tema foi esquecido.
Fractura social: "Os falanxistas pedían informes ós curas. Dependendo de como era a relación entre estes e a persoa investigada, o resultado podía ser ben distinto. Ser católido era unha obriga, do contrario érase víctima de persecucións. Para que unha muller e os seus fillos recibiran unha paga cando o home ía á guerra, era obrigado casar pola igrexa, non polo civil".

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.