21 setembro 2023

De fotos , memorias e desleixos

Pouco despois da santa Isabel vilega, andamos por terras friolesas participando nunha actividade guiada por Alba Vales e Raquel Queizás. No transcurso da visita á vila, manexáronse algunhas fotografías xunto a outros elementos que axudaron a enfiar o percorrido friolés.
Unha das fotografías (a que ilustra esta entrada) xerou un contraste de pareceres dos que intentamos sacar algo en claro pero, dada a diversidade de opinións, non fomos quen de saber dos personaxes retratados pola cámara. 
Evidentemente a instantánea é anterior ao 1975, data de falecemento do afamado alcalde Andón Cebreiro, un dos retratados. O da dereita da foto. No propio paseo, achegouse alguén, non recordamos quen, a Luís do Café ( ao que se colleu en mal momento, ou non, emocionándose todo ao lembrar o pasamento do seu amigo Andón).
Quedou a cousa parada e decidimos botar as redes nas redes. Xa entendedes. Pouco tiramos que non se comentara xa: os dous personaxes pasaran de meras comparsas a ser verdadeiramente eixo dun misterio. 
Un misterio que tratamos de resolver por outras vías: Falamos cunha filla de Ángel Martínez F. de la Vega, coa que temos amigos comúns e nun primeiro intento despois de ela falar co pai e este co Luís do café ( novamente Luís) parecía endereitarse a procura destes nomes sobre os que xiraba o misterio.
A día de hoxe seguimos coas nosas dúbidas. Despois pasaremos a relatar a posible solución ao quen é quen.
De momento queremos facer unha reflexión que vale tanto para o patrimonio inmaterial que nos ocupa como para o máis visible material. 
Había xente de idade na camiñada urbana; queremos dicir que non eramos uns pimpíns sen coñecementos das persoas friolesas de antes; porén non foron capaces de poñernse de acordo e nalgún caso, polo que contaremos a continuación a achegármonos nin de lonxe ao que parece o resultado da procura a día de hoxe ( incerto pero posible). Mesmo chegouse a falar de que un dos retratados era o Celestino Fernández de la Vega...
Queremos facer fincapé con isto, na necesidade imperiosa de actuar desde onde sexa e como sexa sobre o noso patrimonio. A memoria esváese, con ela a vista e o oído, cando non todo xunto. Moitas bibliotecas que están sentadas na casa con gañas de falar quedan con elas e nós sen os seus relatos. Relatos que axudan a entender o que foi Friol.
Qué dicir do patrimonio que vemos esfarelarse ante a pasividade das autoridades elixidas polo pobo friolés. É que non hai fondos? Non sabemos buscalos? 
Estes días polas redes sociais circulan fotografías con pedras caídas -máis- da estrutura do pazo torre de Friol: paradigma do desleixo institucional ( e non falamos só do concello) 
Ata cando?
Sabemos é fácil escribir e menos doado actuar pero para iso están os representantes electos, ou non ?
Ao cabo, ao que iamos. Falemos da fotografía: o personaxe do centro parece que está claramente identificado. Os e as que se atreveron, a opinar coincidiron todos en que se trata de Aurelio Carballal Peteiro, emigrado a Barcelona, con establecementos de xoiería e mesmo con intentos, cando menos de incursións na industria óptica de precisión. Ata aí podemos contar porque despois parece tivo algúns problemas xerados pola inseguridade cidadá. Xa daquelas! e non sabemos moito máis. Si, que eran varios irmáns, e polo que parece, Emilio, coñecido por todo Friol como Amaro, tiña bar na capital do concello e mesmo andaba con un posto polas diferentes festas e feiras da contorna.
Onde si non fomos quen de saber a ciencia certa quen é... foi do terceiro home. Mentres que algúns falan dalgún dos Carricoba, (nada que ver con nós) que tivera casa de roupas ao lado da casa Peruxela; outros , nomeadamente os Férnandez de la Vega e o Luís do Café tíranse máis por Arturo Prado Penas, avogado nacido no 1930 en Friol, fillo de Juan Prado Vázquez e María Penas Brao. Este home faleceu hai cinco anos en Madrid sendo inhumado no cemiterio friolés.
Aproveitemos a Memoria mentres a temos que despois é tarde

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.