11 outubro 2023

Toponimízate!

Este mércores a Real Academia Galega presenta en Friol o proxecto Toponimízate !(ver ligazón)
Este outono a andaina de recollida da microtoponimia do país iníciana na vila friolesa,coa intención de recoller polo miúdo a cantidade de microtopónimos que conforman a nosa xeografía máis próxima.
Somos seguidores da app Galicia Nomeada (ver ligazón) que é o soporte onde quedan recollidos e accesibles todos estes milleiros de nomes, indicando sempre a súa xeolocalización e o tipo de topónimo que é: terras, pontellas, aldeas,... interesante singradura que esperemos teña boa acollida entre a veciñanza friolesa.
Dous son os obxectivos que indica a propia Real Academia deste traballo: "divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada"
Anos atrás ( curso 2011 /12) fixemos un intento de recollida de microtoponimia co alumnado de 1º da ESO  baixo o paraugas do proxecto "Algo máis que pan e queixo" e así apareceron un monte de localizacións que por falta de espazo, tempo, nin moitas ferramentas tecnolóxicas ao noso dispor quedaron no caixón e o intento un pouco esborrallado.
Certo que nos deu pistas para tirar de fíos pendentes no momento, pero pouco máis que quedar nunha carpeta dun ordenador foi o seu traxecto, agás claro está das consabidas charlas e postas en común arredor do recollido.
Lembramos dos centos recollidos a pontella da Bicosa, en Trasmonte; o prado de Tralobrego e o monte da Fonte de ouro en Carlín; o prado Guzadoiro (sic) en Ousá; os prados de Framil, en Miraz, o prado tamén de Riamonde en Xiá... pero como dicimos non quedou máis que a recolleita feita. Non fomos quen de tirar máis proveito do xa indicado.
Desta seguro vai a cousa con máis xeito. 
Para consultar a outra toponimia do concello temos a man sempre o magnífico traballo de Estefanía Pena e Laura Ferro sobre a Toponimia do Concello gañador dun dos premios de investigación impulsados por Carballo Vivo e neste caderno dixital na etiqueta "Toponimia" (ver ligazón) todo o que fomos capaces de achegar...

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.