07 febreiro 2010

Tesouros de San Martiño de Condes

Agochada en páxinas literarias, demos con Susa Blanco Montecelos, natural de S. Martiño de Condes. 
En diferentes números da revista "Arraianos" puidemos ler con agrado algún dos seus poemas. Ao igual que a súa irmá, dáselle ben o verso. Se de Concha coñecemos algunha pinga (estamos esperando poderlle botar un ollo á publicación colectiva "Frontispicio chulo") de Susa , non puidemos resistir a tentación de publicar nesta páxina un dos seus poemas.
A actividade cultural desta creadora non se limita exclusivamente á creación lírica, pois na editorial Sotelo Blanco ten traducida a obra de Christine de Pisan "A cidade das mulleres", libro que amosa a actualidade do pensamento desa muller que viviu a cabalo dos séculos XIV e XV.
Aquí deixamos o poema:
DE PASO
Noite clandestina.
Recendo de uz esmagada
que me devolve ao ventre-nai.
Luz clandestina.
Teito aberto á escuridade
que me impide camiñar con tento.
Pensamentos clandestinos.
Róxeme a cabeza co arrepío,
noite pecha de bubela delatora.
Camiños clandestinos.
Desde o outeiro véxoos
agardando por min.
Téñome medo,
non darei chegado.
Personaxes clandestinas.
O monte arrolícame ata adurmiñarme.
Mañá levarei flores ao camposanto.
Mortos clandestinos.
Escóitase un afiar de coitelos,
responde un rinchar de dentes.
Eu, que estaba de paso,
fiquei condenado ao eco.

A fotografía é do arquivo da A.C. Cova da Serpe , é do camiño das Pardellas a Macedo no lugar chamado "O Feal"

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.